O Voceiro do PSOE en Friol, Yon Penas, lamentou hoxe o escaso compromiso, dixo, do Goberno de Feijóo con Friol. Así o expresou tras coñecer que os orzamentos da Xunta, para a vindeira anualidade, destinados a acondicionar a estrada LU-231 eixo Begonte-Friol-Palas de Rei só contan cun orzamento de 750.000 euros, cando na pasada anualidade anunciaban un investimento de 3 millóns.
O Voceiro Socialista critica o “ninguneo” do Goberno de Feijóo e o pouco peso político do que goza o Concello de Friol nas contas autonómicas. “Con estas cifras calquera pode comprobar que as obras tardarán máis tempo en executarse, xa que as melloras para este vial levan aparecendo nos orzamentos de Feijóo dende fai anos. Pero non se fixo absolutamente nada de nada, e polo de agora, con só 750.000 euros haberá que seguir esperando”, dixo.
Yon Penas emprazou ao rexedor a traballar polas prioridades do Concello. “Precisamos emprego e tamén boas vias de comunicación para asentar empresas e fixar poboación. Polo tanto é o momento de defender os intereses das veciñas e veciños de Friol co fin de mellorar as nosas infraestruturas e as nosas dotacións.”, advertiu o Voceiro.
Ademais tamén fixo alusión ao compromiso do Goberno de Feijoo para construír unha residencia de maiores na vila. “Todos puidemos ler nos medios de comunicación no ano 2016, que a Xunta e o Concello xa tiñan un acordo para realizar esta infraestrutura tan necesaria para vila, incluso se anunciou que as obras comezarían ese mesmo ano. Pero do dito ao feito, non hai absolutamente nada”. Neste punto hai que lembrar que o Concello comprou o terreo para realizar esta obra, “por iso é convinte que o Goberno de Friol esixa aos seus compañeiros de partido na Xunta que cumpran o que prometen”, explicou Penas.