As cifras da Covid continúan a reducirse significativamente con 771 casos activos

A segunda vaga da Covid na provincia continúa co seu descenso de casos. Se comparamos cos datos ofrecidos polo SERGAS o pasado venres, as cifras de hoxe seguen sendo esperanzadoras. Eso si, veñen cargadas tamén cun elevado número de falecementos. 

Así, son un total de 771 casos activos os que rexistraba o Servizo Galego de Saúde ata as 6 da tarde de onte; moi por baixo dos 858 que se mantiñan o venres. Unha cifra que continuou o seu descenso durante toda a fin de semana, contraria a tendencia que se viña dando nas últimas semanas que era de subida desta cifra os sábados.

Un dato que tamén se estabilizou ao longo da fin de semana e que xa levaba xornadas con esta tendencia foi o relativo ás confirmacións por PCR de novos casos, que hoxe se sitúa en 28 casos novos fronte aos 32 do venres. Malia que non son cifras extremadamente baixan quedan xa moi lonxe dos máis de cen que se chegaron a acadar algún día hai un par de semanas.

En canto a presión hospitalaria, elevouse moi levemente dende o venres cando se contabilizaban 26 pacientes Covid ingresados nos centros da provincia, e chega hoxe ata os 30. Unha subida case insignificante, pero que convén que se manteñan á baixa. Pola contra, a boa nova sitúase na UCI do HULA que hoxe conta con tan só 1 paciente con infección Covid. 

Na provincia de Lugo son xa 134 os falecidos por mor do virus, fronte os 127 do venres. Esta subida débese a que Sanidade notificou o sábado o falecemento de catro usuarios da residencia Asilo de Vilalba con infección activa de Covid que se rexistraron entre a segunda quincena de novembro e o que vai de decembro e que non se comunicaron con anterioridade debido a un erro informático. As vítimas eran tres mulleres de 96, 93 e 82 anos e un home de 80. 

Doutra banda, outras dúas persoas usuarias desta mesma residencia finaban na tarde do venres por mor do coronavirus. Trátase dun home de 86 anos e unha muller de 101 ambos con patoloxías previas. Por último, nas últimas horas, Sanidade notificaba tamén o falecemento dunha muller de 95 anos que finaba no HULA.

Con todo, son xa 5.580 as persoas que superaron a enfermidade dende o inicio da pandemia.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com