O Goberno estatal vén de aprobar esta mañá un importante investimento para a provincia de Lugo destinado á modernización do ferrocarril. Así, o Consello de Ministros do día de hoxe tiña prevista a autorización ao Ministerio de Transporte para licitar dous contratos que permitirán nun futuro a conexión de Lugo coa Alta Velocidade. En total, serán 108.5 millóns de euros que se destinarán á execución da renovación e mellora da vía ferroviaria entre Lugo e Monforte de Lemos e a construción do novo tunel do Oural.
O primeiro dos contratos fai referencia ás obras de execución do proxecto construtivo de renovación de vía do tramo Monforte de Lemos-Lugo, cun valor estimado de 54.897.163,13 euros (sen IVE). Este importe inclúe o valor estimado dos materiais necesarios para executar a obra. O segundo dos contratos comprende as obras de execución do proxecto de construción do túnel de Oural, situado no tramo Monforte de Lemos-Lugo, cun valor estimado de 53.593.861,8 euros (sen IVE). Do mesmo xeito que no anterior contrato, este importe inclúe o valor estimado das subministracións necesarias para executar os traballos.
Estes traballos enmárcanse nas actuacións promovidas por Adif para a mellora da conexión ferroviaria entre Ourense, Monforte de Lemos e Lugo, co obxectivo de incrementar a súa calidade e fiabilidade. O tramo Monforte de Lemos-Lugo ten unha lonxitude de 71 km en vía única non electrificada. Actualmente estanse realizando os trámites necesarios para iniciar a contratación da súa electrificación, que constitúe unha dos principais investimentos planificados para o corredor.
Dec 09, 2020 - 05:51 PM
Va siendo hora!