A asociación de empresarios Lugo Monumental vén de valorar positivamente a exención aos hostaleiros do pago das taxas de terrazas. Unha decisión que anunciou o executivo de Lara Méndez pero que, segundo a asociación trae consigo unha suba, para o 2022, ata do 600% nesta taxa. O valor de uso da vía pública que o concello cifra entre os 0.38 e os 1.68 euros por metro cadrado segundo a categoría da rúa, multiplicarase por 24 segundo Lugo Monumental.
A suba, iría dende o 187% nas rúas de terceira ou cuarta categoría ata o 600% nas terrazas solicitadas por un semestre nas de 5 categoría. A asociación critica especialmente o momento escollido polo Goberno local para subir estes prezos, tras un duro ano din, no que a superviviencia de moitos negocios non dependerá só do vindeiro ano 2021, senón que podería alongarse no tempo. Así, a asociación de empresarios presentou xa alegacións ás taxas aprobadas polo Pleno de outubro.
A este respecto responderon dende o Goberno que “en ningún caso se trata dunha suba encuberta”. Segundo indica o Executivo local, o incremento das taxas obedece a un “imperativo legal” lembrando que “hai varias denuncias interpostass nos xulgados, concretamente polo sector da construción, nas que se lle reclama ao concello que realice un estudo de custos das taxas municipais. E hai sentenzas xudiciais que obrigan ao concello a facer esa revisión. De non ser así, o goberno local non tiña ningunha intención de incrementalas neste momento”.
En calquera caso, o Concello asegura que, “ademais de facerse por imperativo xudicial”, comunicaron esta suba “desde o primeiro momento”. Asemade, o Goberno local lembra que o anuncio publicouse en prensa, no BOP e se aprobou en Pleno. “Fíxose, ademais, aclarando que a subida obedecía a ese imperativo legal e que se fará de forma progresiva durante os próximos tres anos, nos que se aplicarán, sucesivamente, coeficientes redutores para que, precisamente, o incremento sexa gradual”, aseguran.