Vinte persoas que participaron no obradoiro de emprego Ribadeo Alén do Camiño, financiado pola Administración autonómica con 471.800 euros e promovido polo Concello de Ribadeo, recibiron os diplomas acreditativos da súa participación.
O delegado territorial do Goberno galego, Javier Arias, asistiu á clausura acompañado polo alcalde ribadense, Fernando Suárez -entre outras persoas-, e subliñou que a Xunta destinou no último ano case 1,2 millóns de euros a financiar tres talleres de emprego neste municipio. Así, ademais do que agora finaliza, apuntou que proximamente comezará RibadeoXCamiño, aprobado na última convocatoria de obradoiros duais e financiado pola Xunta con 347.000 euros; e xa está en marcha desde finais de setembro o taller de garantía xuvenil Vencellos da Memoria, compartido co municipio de Barreiros, cunha achega autonómica de 369.500 euros. En total, mellorarán a formación de 56 alumnos e alumnas.
En canto á iniciativa que remata, dez dos participantes adquiriron coñecementos sobre confección e publicación de páxinas web e os outros dez sobre promoción turística. O programa que desenvolveron estivo relacionado coa divulgación do Camiño de Santiago ao seu paso por Ribadeo, mediante a creación de puntos de información turística, a realización de estudos sobre o turismo no concello ou a organización de actividades promocionais. Tamén se creou unha páxina web e se difundiron contidos en redes sociais. Como consecuencia da pandemia da covid-19 prorrogouse tres meses máis do previsto, o que obrigou a incrementar a achega da Xunta en 126.100 euros.
Arias subliñou que a formación que se imparte nos obradoiros “está adaptada aos perfís máis demandados no mercado laboral e nas empresas das zonas nas que se desenvolven, mellorando as capacidades profesionais dos participantes para que poidan optar a un posto de traballo”.