A Asociación Provinicial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo (APEHL) vén de anunciar a posta en marcha dunha nova campaña de impulso ao sector turístimo e hostaleiro da provincia mendiante os agasallos destas festas. Regálal…E Regálat…E é o nome desta iniciativa coa que “queremos incentivar a venda de experiencias gastronómicas e turísticas como agasallo para este Nadal”, afirma o presidente da Asociación, Cheché Real.
A iniciativa ofrece ao cliente a posibilidade de comprar gastronomía, consumicións, estancias en hoteis, turismo rural e experiencias turísticas nos establecementos que participen. “É un bo atractivo para clientes particulares e tamén unha boa idea para empresas, que poidan substituir os seus obsequios do Nadal por este tipo de agasallos para os seus traballadores”, afirma Real.
Os locais adheridos á campaña terán un cartel identificativo como establecemento participante e uns tickets agasallo que se cubrirán en función da compra dos seus clientes. Na páxina web da Asociación (apehl.org) estarán visibles todos os establecementos participantes e a campaña desenvolverase do 18 de decembro ao 10 de xaneiro.
Todos aqueles asociados que estean interesados en participar poden poñerse en contacto coa Apehl a través do correo electrónico comunicacion@apehl.org ou dos teléfonos 982 226 912/982 412 050, ata este mércores 16 de decembro. “Este nadal imos regalar …E para comer, Lugo”, destaca Cheché Real.