A sección terceira da Sala do Contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) anulou e deixou sen efecto, por non ser conforme a Dereito, o acordo aprobado polo Consello da Xunta o 27 de xuño de 2019 para a modificación do proxecto do parque eólico Serra do Oribio, situado na Zona Especial de Conservación (ZEC) Os Ancares-O Courel, en Lugo. O alto tribunal acolle en tres sentenzas os recursos interpostos pola Asociación Ecoloxista Verdegaia; a Asociación Ambiental e Cultural Petón do Lobo; e a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA), Fundación Oso Pardo (FOP) e Sociedade Galega de Ornitoloxia (SEO).
Os maxistrados argumentan nas resolucións que o plan 2007-2009 do parque estaba caducado. “O proxecto autorizado pola resolución do 31 de maio de 2007, coa Declaración de Impacto ambiental (DIA) aprobada o 12 de agosto de 2005, non foi construído, nin instalado. A resolución que o autorizaba indicaba que o promotor tería un prazo de 12 meses contados a partir da data de ocupación dos terreos para a posta en marcha da instalación”, indican os xuíces.
A DIA de 2005, segundo o alto tribunal, resulta “obsoleta para amparar a avaliación ambiental do proxecto modificado de 2018, polos múltiples e variados cambios lexislativos e de catalogacións de especial protección do terreo, non podendo entenderse validada por unha prospección vía informes gobernativos”.
O terreo, segundo consta nas resolucións, ten a cualificación de espazo natural protexido como zona de conservación da ZEC Os Ancares-O Courel, Zona de Especial Protección de Valores Naturais e zona de Rede Natura 2000. O TSXG lembra que nesas áreas “non están permitidos os parques eólicos, excepto a repotenciación dos xa existentes, conforme o Plan Director da Rede Natura”.
O tribunal entende que o parque eólico de Oribio non se pode considerar “existente” para a súa excepcional autorización, xa que “non se comezou a executar o proxecto de 2007-2009, non están en explotación, nin instalados aeroxeradores”. Por iso, conclúe que non se pode “modificar o que non existe”.
As sentenzas, coas que discrepa un dos maxistrados, quen emitiu un voto particular, poden ser recorridas en casación.