Inaugurado o primeiro centro público experimental de Galicia de formación e investigación do sector lácteo

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, inaugurou hoxe a Granxa Experimental de Leite na finca Gayoso Castro, en Castro de Rei, unha instalación pioneira, que se converte no primeiro centro público experimental de Galicia que aúna formación e investigación sobre o sector lácteo. A institución provincial destinou 1.250.000 euros para construir e dotar as instalacións o que supón o 90% do investimento necesario. Pola súa banda, a Universidade de Santiago de Compostela achegará o 10% restante.Asemade a Deputación asumirá ademais o 100% dos gastos de funcionamento.

José Tomé subliñou que esta infraestrutura “de primeiro nivel no material, pero, sobre todo, no profesional”, xa está en marcha, “coa primeira promoción de alumnos e alumnas do Campus Terra que completarán e mellorarán aquí a súa formación”. “Quixemos inaugurar agora, cando estas instalacións están cheas de vida e de actividade, e non antes porque non ten ningún sentido inaugurar edificios baleiros, sen profesionais, sen xente que lle dea vida”, subliñou o mandatario provincial. Engadiu que “os profesionais, o capital humano, é o que dá valor, o que dá verdadeiro sentido e utilidade real ás infraestruturas”.

Tomé Roca recalcou que a Unidade de Leite da Granxa Gayoso Castor da Deputación ten como obxectivo “poñer a formación, a investigación e a innovación ao servicio dos gandeiros e das gandeiras da provincia, de todo o sector primario, e do desenvolvemento do rural”. “A nosa meta é converter este centro naquilo para o que foi creado: un gran centro de formación, de investigación e de innovación do sector lácteo que contribúa a que as explotacións leiteiras da nosa provincia sexan máis rendibles e máis sostibles”, axudando a afrontar retos importantes, “como aumentar o valor do produto, reducir costes de produción e favorecer o benestar animal”.

Nesta granxa analizaranse todos os parámetros e os problemas das explotacións gandeiras para despois ofrecerlle ao sector primario pautas de mellora e solución. A Granxa Experimental de Leite cubre ademais unha parte importante das prácticas da Facultade de Veterinaria e da Escola Politécnica Superior de Enxeñería do Campus Terra, o que suporá un engadido de calidade na formación do alumnado porque farán prácticas nun laboratorio vivo. Neste senso, lembrou que o 25% dos seus grupos de investigación do Campus Terra están relacionados coa produción láctea.

Deste xeito, as novas instalacións creadas pola Deputación coa colaboración da Universidade de Santiago, “contribuirán ao desenvolvemento económico da provincia de Lugo a través do impulso dun sector produtivo esencial para a nosa provincia, como é o lácteo, no que somos unha potencia a nivel do Estado; e tamén contribuirán a afianzar a posición da provincia de Lugo no mapa do ensino superior europeo, a reter o talento dos mozos e mozas, e a fixar poboación no rural”, asegurou o Presidente.

“Unha estupenda nova”

Neste senso, o grupo provincial do PP considera, en palabras do seu portavoz, Javier Castiñeira, que “a posta en marcha da granxa experimental de leite, é unha estupenda nova, e que seguro, di o popular, dará os seus froitos, tanto na aprendizaxe dos alumnos da Facultade de Veterinaria e da Politécnica, como tamén en investigacións na mellora da produción leiteira, na que Lugo é un referente”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com