O candidato do Partido Popular á alcaldía de Lugo, Jaime Castiñeira, anunciou este mediodía que, se é elixido alcalde, mellorará as condicións nas que se atopa a zona rural “para que as parroquias sexan un lugar para vivir e para traballar”.
Jaime Castiñeira sinalou que unha das súas prioridades será a elaboración dun programa de mantemento de pistas e camiños agrícolas para unha conservación axeitada “logo de 16 anos de esquecemento por parte dos gobernos de López Orozco”.
“Estamos a falar do que é a principal preocupación dos veciños das parroquias e así nolo teñen trasladado en todas as reunións e visitas que viñemos mantendo ao longo destes meses”, indicou, ao tempo que subliñou que “non falamos só de mellorar o asfalto das pistas senón tamén a súa limpeza e desbroce de pistas e cunetas para un mellor mantemento da rede viaria”.
O candidato popular anunciou tamén que, ademais de aprobar antes de fin de ano o 5% do PXOM pendente para favorecer o desenvolvemento urbanístico das 54 parroquias e de comezar a facer os plans especiais para que se poida edificar nas áreas de expansión dos núcleos rurais, establecerá bonificacións de ata o 95% para as licenzas para as explotacións agrogandeiras ao tempo que se axilizará a súa tramitación “para que teñan resposta nun prazo máximo de dous meses”.
Así mesmo, Jaime Castiñeira anunciou que se é elixido alcalde “traballaremos para que o rural siga avanzando en servizos como telefonía móbil ou saneamento, sempre co apoio doutras administracións e incluso con convenios con empresas para a mellora de cobertura”.
Nesa liña, os populares ven prioritario dotar de cobertura móbil ás nove parroquias do entorno do río Mera (San Xoán do Alto, Santa María Alta, Vilachá de Mera, Santa Eulalia de Bóveda, O Burgo, Poutomillos, Prógalo, San Pedro de Mera e Bacurín), “para completar e complementar a acción que neste momento está a realizar a Xunta de Galicia” coa instalación dunha antena no monte de Labio que vai dar servizo a Carballido, Bóveda, Bascuas, Gondar, Romeán e Labio.
No relativo ao saneamento, os populares mellorarán o saneamento das parroquias e a conexión á rede municipal da auga, “en colaboración coa Xunta de Galicia”, ao tempo que apoiarán as traídas comunitarias naqueles puntos onde non chegue a rede municipal e se produzan problemas de abastecemento.
O programa dos populares para a zona rural, presentado esta mañá na Casa Pardo en Esperante, tamén inclúe a mellora de sinalización das parroquias, unha recollida en puntos fixos e con periodicidade determinada de plásticos agrícolas ou a posta en valor do rural como destino turístico grazas a iniciativas como o fomento da recuperación de núcleos con axudas ou a potenciació do Camiño Primitivo e as rutas de turismo e esparcemento nos entornos fluviais.