A Corporación municipal aproba os Orzamentos para 2021

O Concello de Lugo disporá en 2021 dun orzamento de 106’4 millóns de euros, o maior da historia da cidade co que o goberno local pretende impulsar a dinamización económica e a recuperación do municipio na etapa post pandemia. Así un pleno extraordinario aprobaba hoxe, cos votos en contra de PP e Cidadáns, o presuposto para o vindeiro exercicio no que se recolle un incremento do 40% no capítulo de investimentos, así como diferentes partidas que suman máis de 31 millóns de euros para sufragar políticas sociais. A edil de Gobernanza, Paula Alvarellos, subliñaba, durante a súa exposición, que se trata, nas súas palabras dun proxecto excepcional para unha situación tamén excepcional, debido á crise sanitaria, o que obriga a administración local, explicou a edil, a afrontar “políticas públicas atrevidas, pero rigorosas”.

A concelleira amosou a vontade do executivo por seguir traballando dunha forma proactiva e con anticipación “como así fixo dende minuto cero do Estado de Alarma” e lembrou que “Lugo foi a primeira cidade de España en sacar unha liña de axudas directas por importe de 5M/€, en adoptar medidas que evitasen que centos de empregados de empresas concesionarias tiveran que recorrer a ERTES e en liberalizar o espazo público, habilitando solucións para pular pola viabilidade dos negocios”.

“Tanto esas medidas como agora estes orzamentos conseguirán que, unha vez superada esta crise, a sociedade lucense saia reforzada por ter construído un modelo de cidade avanzado e sostible. Estes 106 millóns converterán Lugo nun municipio robusto, máis social, cos mellores servizos e a mellor atención á cidadanía porque é o benestar das persoas, especialmente as máis vulnerables, o que abordamos como prioridade”.

Así, Alvarellos Fondo resumiu que destes 31’2 millons €, ao redor de 14 se destinarán a políticas asistenciais, especialmente ás familias e á infancia, á emerxencia social, á atención ás persoas maiores e dependentes, á atención á exclusión social, etc…

“Tamén resulta necesario continuar coas axudas aos comerciantes, empresarios, emprendedores e autónomos, para que de igual xeito que xa fixemos neste 2020, tamén no vindeiro ano poidamos poñer en marcha distintas accións que axuden á dinamización económica dos diferentes sectores produtivos. Un fin ao que destinaremos 5’3 millóns de euros que representan o 5% do orzamento”, engadiu ao tempo que subliñou o esforzo inversor realizado, que se incrementará nun 40%, pasando dos 10’4 millóns de euros a 15 M €.

Pola súa banda, o Tenente de Alcaldesa, Rubén Arroxo, presentou no pleno as partidas das cinco áreas dependentes do seu grupo. O tenente de alcaldesa, presentou uns orzamentos deseñados baixo a idea de que “as administracións, dixo, deben ser as primeiras en realizar grandes inversións nun momento de crise económica. Arroxo destacou que “estes orzamentos van permitir xerar emprego en Lugo e estabilizar o emprego xa existente, ademais de continuar coa mellora da cidade iniciada cos orzamentos do ano 2020  e os suplementos de crédito aprobados ao longo deste ano.

A oposición, en contra

O voceiro do Grupo Popular explicou que o seu grupo non apoiaba os orzamentos do bipartito para 2021 porque, asegurou, “non responden aos principais problemas de Lugo, aumentan o gasto” e presentan un plan de investimentos que tildou de “moi pobre e que non resolve problemas pendentes”. Para Carballo, estes orzamentos “son malos para Lugo” porque responden a un “reparto de cuota” que acordaron PSOE e BNG sentenciando que “están feitos a medida para sacar réditos políticos”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com