O PP esixe a Tomé que respecte os acordos do seu antecesor e execute a ampliación do tramo entre Paradela e Escairón

Membros do grupo provincial do PP visitaron esta mañá os tramos das estradas provinciais que unen Paradela e O Saviñao (LU-P-4201, LU-P-4205 e LU-P-5818), atendendo ás demandas dos veciños e dos alcaldes, que están moi descontentos por como o goberno da Deputación prevé o arranxo desta tramo viario.

O portavoz popular, Javier Castiñeira, explica: “A previsión do goberno do socialista José Tomé para o arranxo minimiza o acordo pactado no anterior mandato polo entón presidente, o tamén socialista Darío campos, os concellos e a empresa eólica Enel, que depositou no seu día un aval de 330.000 euros para garantir que despois das obras que desenvolvía as vías quedaran en bo estado. Era un acordo moito máis ambicioso, porque supoñía ampliación do ancho e redución de curvas”. Castiñeira detalla: “Agora o presidente Tomé reduce considerablemente a intervención e, economicamente, queda só a parte da empresa Enel, con 330.000 euros, e reduce a
213.000 euros a parte da Deputación, que segundo o citado acordo debía aproximarse ao millón de euros”. Era, polo tanto, “un proxecto moitísimo máis ambicioso, que agora queda simplemente na pavimentación do tramo entre Paradela e Escairón por 543.000 euros”.

Os populares destacan que “o presidente Tomé non respecta os compromisos adquiridos polo anterior goberno; ao contrario traizoa o pacto a tres bandas para mellorar esas estradas”. Castiñeira di que a estas alturas “todo o mundo coñece o que dixo o presidente Tomé en sesión plenaria: el non ensanchará as estradas provinciais porque, segundo di, non hai poboación suficiente para xustificar esta inversión. Isto é algo co que estamos absolutamente en desacordo e así o dixemos claramente”. Resalta que este tramo viario entre Paradela e Escairón, que é moi utilizado, que ten moito tráfico e vertebra a zona suroeste da Ribeira Sacra, sendo unha das entradas a esta comarca.

Castiñeira sinala: “O señor Tomé, que ademais de presidente e delegado de Vías e Obras, confunde pavimentar con mellorar. Cando o PP fala de mellorar é precisamente para ensanchar, reducir as curvas e, principalmente, encamiñar a obra á seguridade vial, porque non podemos xogar coa seguridade dos usuarios das vías. Ademais nesta estrada existen varias cooperativas e soporta tamén o tráfico pesado derivado da actividade económica da zona, moi relacionada coa madeira e a gandería. Se queremos fomentar o rural temos que mellorar as comunicacións e coa obra que proxecta a Deputación só estariamos facendo un lavado de imaxe, pero estariamos hipotecando o futuro destas localidades”. Conclúe Castiñeira: “Demandamos do presidente da Deputación que cambie as súas previsións e se acolla ao pacto establecido co se antecesor, Darío Campos, e que escoite as preocupacións e necesidades que expoñen os veciños e os alcaldes”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com