A Deputación de Lugo vén de desmontar “unha por unha” as acusacións vertidas polo Partido Popular sobre o proceso selectivo para a creación dunha listaxe de emprego temporal para a prestación de servizos na institución provincial como funcionario interino no posto de veterinario.
Dende o Goberno de José Tomé explican que a institución provincial publicou no Boletín Oficial da Provincia (BOP) e na páxina web institucional todos os procesos de selección de persoal. Asemade, aseguran que o proceso selectivo non só tivo unha maior publicidade debido á declaración do primeiro Estado de Alarma, senón que se convocou e desenvolveu de xeito paralelo con outros dous correspondentes a listaxes para emprego temporal de administrativo e de enxeñeiro técnico agrícola.
Lembra, ademáis, o Executivo provincial que o prazo para a presentación das solicitudes para optar a estes postos abriuse ao rematar o Estado de Alarma, entre o 15 e o 25 de xuño. Ademáis, dos tribunais de valoración, segundo aseguran dende a Deputación, forman parte, por regra xeral os xefes de servizo da área correspondente, seguindo o principio de especialización e, por riba, a corrección das probas faise sempre baixo anonimato.
Por último, o Goberno asegura que a puntuación na entrevista persoal no influiu, neste caso, no resultado final do proceso nin na orde dos seleccionados, dada a puntuación da fase de oposición.”Deste xeito, aínda que as outras persoas aspirantes que aprobaron as probas recibiran a máxima puntuación na fase de entrevista persoal e as dúas persoas que quedaron nos primeiros postos recibiran cero puntos, o resultado final do proceso selectivo sería exactamente o mesmo. Polo tanto, o proceso selectivo para a creación dunha listaxe de emprego temporal para o posto de veterinario na Deputación cumpriu con todos e cada un dos principios esixidos pola Lei para os procesos de acceso á Administración pública: publicidade, mérito e capacidade”.
A Deputación de Lugo esixe ao Partido Popular que retire e que rectifique publicamente “as súas falsidades”, ao danar gravemente a honorabilidade dos traballadores e traballadoras públicas da institución provincial. Así mesmo, o Goberno da Deputación de Lugo cre que sinalar a persoas pola súa traxectoria política e tratar de coartarlles a liberdade de presentarse a procesos selectivos e acceso á Administración pública é propio de réximes superados hai 40 anos e de prácticas da ultradereita, a compañeira de viaxe política que elixiu o Partido Popular. O PP debe saber que na Deputación de Lugo, dende que hai gobernos de progreso, existe a igualdade de oportunidades, e que se acabaron os tempos nos que se herdaban os postos de traballo e só uns cantos privilexiados chegaban a estar nos primeiros postos.