O grupo provincial do PP fixo pública hoxe en rolda de prensa, por medio do seu portavoz, Javier Castiñeira, do seu viceportavoz e do deputado Óscar Poy, a súa desconfianza ante do proceso selectivo para a substitución de veterinarios na Deputación de Lugo. Un proceso sobre o que os populares, á vista de que os dous primeiros clasificados son coñecidos socialistas que desempeñaron cargos públicos, teñen serias sospeitas, din, e que consideran pouco ético. O portavoz popular considera “chamativo” que os dous primeiros seleccionados na lista sexan a exdeputada do Parlamento de Galicia, Sonia Verdes; e o exconcelleiro de Medio Ambiente de Lugo, Daniel Piñeiro.
Segundo os populares, este proceso aprobouse o mesmo día en que se declarou a situación de emerxencia sanitaria en Galicia e o día de antes de decretarse o estado de alarma; asemade, fíxose oficial, coa súa publicación o 6 de abril, en pleno confinamento. Neste sentido, algo que fai desconfiar aínda máis aos populares é que o 15 de marzo suspenderon as sesións plenarias así como as comisións informativas e a xunta de goberno da Deputación.
Os populares ven demasiados aspectos rechamantes neste proceso. Castiñeira sinala, entre outros aspectos coincidentes “curiosos” que no tribunal participase o director da granxa, “a punto de xubilarse” e que é un socialista que foi alcalde de Triacastela. O popular manifestou ademáis que “é certo que os dous sacaron as maiores notas, tanto no teórico como no práctico; vese que estiveron moi aplicados nese sentido e os dous tamén teñen máis méritos. Pero tamén os dous son os mellores na entrevista persoal, duplicando ao terceiro”.
“Dende o Partido Popular cremos que falta transparencia neste proceso; existen moitas coincidencias e o resultado é pouco exemplarizante para a Administración”. Á vista dos aspectos dados a coñecer, Castiñeira anuncia que a Administración necesita “moita máis transparencia e seguir investigando ante esta situación; agora o único que falta é que en poucos meses se xubilen dous veterinarios da Deputación de Lugo e que estes dous socialistas pasen a formar parte do cadro de persoal da institución, o cal remataría as coincidencias”.
Dec 21, 2020 - 10:16 PM
Por que non mirades na Deputación, de Ourense?