O BNG–Asambleas Abertas propón a implantación de Itinerarios Escolares Seguros

O BNG – Asambleas Abertas propón a implantación de Itinerarios Escolares Seguros. Rubén Arroxo e outras persoas da candidatura delimitaron, de xeito simbólico, un destes itinerarios entre o colexo de Quiroga Ballesteros e a Avd. da Coruña. “Os Itinerarios Escolares Seguros xa están a funcionar noutras cidades, como é o caso de Pontevedra, e teñen como obxectivo o agrupamento de persoas da comunidade escolar á hora de transitar, a pé, cara os centros escolares. Estes itinerarios terían un ou varios trazados asignados a cada centro educativo e poríase en marcha en colaboración cos propios centros, as familias e coa participación voluntaria dos comerciantes da zona”.

Segundo explicou Rubén Arroxo “a creación destes itinerarios suporía a colocación e sinalización pertinente do camiño a seguir así como dos puntos de encontro dos nenos/as e familiares para realizar xuntos/as o itinerario diario ao centro dun xeito máis seguro”. Os nenos e nenas estarían acompañados por persoas que, implicadas na implantación dos itinerarios, contribuísen a facer máis seguro o transito dos escolares, sobre todo nos cruces e intersecións.

O BNG – Asambleas Abertas aposta pola implantación dos Itinerarios Escolares como un xeito máis de “camiñar cara unha cidade máis humanizada, para as persoas”. Na posta en marcha destes itinerarios estarían implicados os propios centros escolares, as anpas e o goberno municipal. A creación de itinerarios escolares foi unha proposta levada a pleno polo BNG o 29 de xuño de 2009 e aprobada por tódalas forzas políticas. No momento da elaboración da Ordenanza Municipal de Circulación o BNG tamén incluíu, entre as súas alegacións, que se crease un apartado dedicado a regular o funcionamento destes Itinerarios Escolares.

 

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com