A Área de Xuventude de Lugo, organiza unha festa de benvida ao 2021 en live streaming, coa finalidade de gozar deste atípico #nadalnacasa.
A mocidade lucense poderá recibir o ano novo con Silvia Superstar, Babykatze e Eme Dj, a partir das 00:30 horas, dende as redes sociais oficiais da área de Xuventude, que dirixe Ana González Abelleira, e alongarase ata ao redor das 05:00 horas.
Esta festa arrincará coa actuación de Silvia Superstar. Vintecinco anos despois de que o seu primeiro álbum levara a Killer Barbies de Vigo a EEUU e Xapón, Silvia Superstar, a súa cantante, non parou. Estrela do underground, apareceu en películas, xestiona un exitoso bar, deseña roupa e organiza festas en Ibiza. Posteriormente, collerá a testemuña Marta Fierro, máis coñecida como Eme Dj, con gran presenza na escena indie-disco. A mocidade de Lugo tamén poderá recibir ao 2021 coa electrónica de Babykatze Dj Set. Babykatze é unha música arxentina afincada en Galicia. Estivo en moitísimos proxectos como guitarrista, batería ou cantante e agora dá un paso máis aló ocupándose completamente da composición e produción dos seus temas, case sempre cargados cun sentimento melancólico. Nesta festa de benvida, como non podería ser doutro xeito, tamén terá presenza a nosa cidade.