Un Conservatorio para Baamonde

Preocupación singular dos gobernantes ten que ser o despoboamento que as nosas aldeas sofren en beneficio das cidades, pola acumulación nestas de postos de traballo, servizos e lecer, impoñéndose a necesidade de fixar e aumentar poboación; conseguir que nenos e mozos que agora están no rural, o día de mañá non o abandonen, e que xente das cidades descubran que é posible vivir de xeito diferente.

Día a día sabemos de artistas que crean na montaña ou na Chaira lucense,  artesáns que, utilizando produtos do rural, distribúennos por todo o mundo; estranxeiros que, namorados da Galicia verde e fonda, fanse galegos por convicción, constituíndo un exemplo no que mirarnos á hora de valorar as posibilidades do noso.

Dentro deste panorama de valoración do rural chama a atención a iniciativa do Concello de Begonte de concentrar na capital do concello os alumnos dos hoxe dous colexios infrautilizados –Baamonde e Begonte- e crear en Baamonde a extraordinaria realidade dun Conservatorio profesional de música no que poidan formarse e realizarse centos de mozos chairegos.

Paréceme que esta iniciativa é a mellor maneira de solucionar  problemas futuros, e teño como exemplo o Concello de Ourol, para min moi cercano, que hai sesenta anos tiña escolas rurais con medio cento de alumnos; que logo se concentraron na capital do Concello, a poboación esmoreceu e o Colexio capitalino pechou tendo agora cono función ser residencia da terceira idade.

Fixar poboación no rural é imprescindible. Unha educación racional, innovadora e con aspiracións como o que se pretende facer en Begonte pode ser a solución perfecta.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com