Durante a noite do 29 ao 30 de decembro, nos diferentes controis realizados polo Grupo Operativo Nocturno da Policía Local de Lugo para comprobar o cumprimento do “toque de queda”, levantáronse DÚAS actas de denuncia, por infracción á Lei de Protección da Seguridade Cidadá, ao sorprender a senllos cidadáns que transitaban pola vía pública entre as 23:00 e as 6:00 horas, sen acharse incluídos en ningunha das causas de excepción que recolle o Real Decreto 926/20, sendo propostos para sanción de 601 a 30.000 euros.
Auxilio a cidadáns
Asemade, sobre as 21:20 horas do día 29 de decembro unha patrulla da Unidade Territorial de Policía de Barrio da Policía Local de Lugo observa a un home tirado na rúa Armañá, o cal presenta signos de embriaguez, non sendo capaz de incorporarse.
Os axentes auxilian a esta persoa, natural da Coruña e de 43 anos de idade, colocándoo en posición de seguridade e requirindo a presenza dunha ambulancia do 061, na que é trasladado ao HULA.
Sobre as 0:00 horas do día 30 de decembro, unha patrulla do Grupo Operativo Nocturno da Policía Local de Lugo observa, na rúa da Raíña, un home deitado nun banco público. Os axentes interésanse polo seu estado e o home, de 40 anos de idade e natural de Cádiz, maniféstalles que non ten fogar nin teito onde pernoitar, polo que debido ás baixas temperaturas os policías trasládano ao Fogar do Transeúnte para que poida pasar a noite.
Sobre as 00:30 horas do día 30 de decembro, unha patrulla do Grupo Operativo Nocturno da Policía Local de Lugo detecta na rúa Ribadeo unha muller de mediana idade sentada no chan da beirarrúa, aparentemente inconsciente, a cal non responde as chamadas dos axentes que inmediatamente a auxilian, comprobando que ten pulso e temperatura corporal, achando ao seu lado unha bolsa de plástico enche de caixas de medicamentos. Os policías requiren de urxencia unha ambulancia do 061 na que é trasladada de inmediato ao HULA, onde se pescuda a identidade desta persoa, de 57 anos, informando o facultativo que o seu estado é grave e que foi trasladada á UCI por intoxicación medicamentosa.