A Xunta de Galicia vén de poñer en marcha o Plan de reforzo do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) para persoas en situación de dependencia, que na provincia de Lugo suporá un incremento do 13,5% nas horas anuais de prestación deste servizo en 30 municipios.
O delegado territorial da Administración autonómica, Javier Arias, explicou que estes concellos sumarán en total 160.700 novas horas anuais, ata chegar a algo máis de 1,3 millóns de horas ao ano para atender ás persoas que o precisen.
A Xunta reforza a axuda a domicilio naqueles lugares onde é máis necesario, con especial atención ás zonas rurais. Os concellos da provincia con máis incremento de horas en termos porcentuais son Sarria (28%), Guntín (case o 26%), Lugo (24,6%), Cervantes (20,5%), Riotorto (preto do 17%), Viveiro (17,5%), Vilalba (case o 15%), Begonte (14,6%), Castro de Rei (14,4%) e Baralla (13,3%).
En canto ao tempo asignado, Lugo será o municipio con máis horas anuais de atención a domicilio en 2021 (228.624), seguido de Vilalba (189.912), Viveiro (70.332) e O Saviñao (69.876).
A través do SAF reciben axuda profesional nos seus fogares preto de 4.500 persoas en situación de dependencia da provincia de Lugo. En toda Galicia, a Xunta dotará aos concellos dun millón de horas máis para o SAF, un reforzo que permitirá chegar a 6.000 persoas dependentes máis e que supón un investimento autonómico de 10 millóns de euros.
Esta web utiliza cookies para que poidamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales coma reconocerte cando volves á nosa web ou axudar ó noso equipo a comprender qué seccións da web atopas máis interesantes e útiles.