Os concelleiros do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo esixen a Rubén Arroxo que agora que parece que dunha vez vai a aprobar as novas liñas de bus nas primeiras semanas de xaneiro, esa aprobación veña acompañada da doutras medidas, aprobadas en pleno a iniciativa do Partido Popular, e que el mesmo apoiou co seu voto.
Os concelleiros populares refírense a medidas como a renovación das marquesiñas ou poñer en marcha os paneis informativos e o SAE. Para os populares, o máis urxente segue a ser a publicidade das novas liñas para que a cidadanía se familiarice con elas e coñeza as novas rutas antes de poñelas en funcionamento.
Para os concelleiros populares a aprobación das novas rutas de bus na cidade ten que acompañarse de medidas que fagan este servizo máis atractivo. Entre as propostas, os populares solicitan ao Executivo, abandonar as frecuencias dunha hora e apostar por frecuencias de entre 10 e 15 minutos, establecer a gratuidade para menores de 18 anos, xubilados, pensionistas e persoas con escasos recursos, ou a creación inmediata dunha APP para móbiles con información en tempo real e que permita calcular as rutas.
Os populares reiteran que se trata de pequenas innovacións que suporán unha revolución para o transporte urbano de Lugo xa que o sistema actual “está anclado no pasado”. “Trátase de facer máis atractivo o servizo, algo para o que tamén se pode estudar a implantación de bonos semanais, mensuais ou anuais, cun prezo reducido, para animar aos lucenses a subir ao autobús urbano”, sinalaron.