A totalidade dos usuarios e usuarias e traballadores e traballadoras dos Centros de Atención a Maiores (CAM) da Deputación de Lugo xa recibiu a primeira dose da vacina fronte á Covid-19. Este luns desenvolveuse a última xornada de vacinación, que tivo lugar na residencia de Trabada, logo de seren vacinados nas anteriores semanas os residentes e o cadro de persoal de Pol, Ribadeo e A Fonsagrada.
En canto á nova residencia de Castroverde, salientar que xa está en funcionamento e que nos vindeiros días entrarán a vivir os usuarios, logo de que decidiran pasar as datas de Nadal xunto ás súas familias. A Deputación de Lugo informará ao Sergas destes ingresos para establecer un novo calendario de vacinación para este centro.
A Deputación de Lugo salienta que a campaña para a subministración desta primeira dose da vacina da Covid-19, que se puxo a 216 usuarios e traballadores, se desenvolveu “con absoluta normalidade, sen incidencias” e con total disposición de colaboración do persoal da institución provincial e do Sergas.
O Presidente da institución provincial, José Tomé Roca, presidiu no mes de decembro un Comité de Seguimento dos centros para coordinar esta campaña. Nese encontro, trasladoulle a cada unha das directoras e ao equipo técnico, que a Deputación se poñía á súa disposición xunto cos medios técnicos e humanos que fosen necesarios para afrontar a vacinación coa máxima seguridade posible.
A Deputación salienta que este paso trouxo esperanza ás residencias xa que os usuarios e usuarias “levan moitas meses coas saídas limitadas, vendo pouco aos seus familiares e ver que xa recibiron a primeira dose axúdalles ao seu benestar emocional”. Así mesmo, tamén incide en que isto non pode permitir baixar a garda e que cómpre seguir na mesma liña que a seguida ata o momento.