Un día máis faise evidente a evolución negativa da pandemia do Coronavirus na nosa provincia. Con preto de 100 positivos novos detectados nas probas realizadas onte, son xa 945 as persoas que teñen nestes momentos unha infección activa detectada por PCR.
Con todo, malia os 97 novos casos e logo de preto de 50 altas médicas recibidas no día de onte, o certo é que a cifra de totais só aumentou en 55 persoas. Eso sí, as cifras non son boas. A presión asistencial continúa en aumento con 31 persoas ingresadas en plantas de hospitalización, malia que mellora nun caso a situación da UCI do HULA que conta hoxe con 3 camas ocupadas por pacientes covid.
O hospital que peores condicións de ocupación continúa a amosar é o da Costa que rexistra os mesmos pacientes que onte: 14; eso si, hoxe séguelle moi de preto o HULA con 12 pacientes covid en planta o que supón 3 persoas máis que onte. Por último, tamén mantén as súas cifras o Hospital de Monforte que volve rexistrar 5 pacientes covid.
Asemade, nas últimas 24 horas a provincia de Lugo rexistrou un novo falecemento causado polo Coronavirus. Trátase da vítima 154 dende que arrancou a pandemia alá polo mes de marzo. O falecido era un home de 92 anos que finaba na residencia da Pastoriza, na que se está a rexistrar un gromo nas últimas xornadas .
Gromo en Monforte e Sarria
Outro dos gromos que se está a rexistrar na última xornada estáse a dar en Monforte e Sarria debido, en gran parte, á celebración dun bautizo. Neste gromo se atopan, polo momento 8 persoas que xa resultaron positivas en covid 19 e mantén a unhas 30 persoas en corentena nos dous municipios. Doutra banda, dous traballadores do servizo de recollida de lixo de Sarria tamén deron positivo nas últimas horas, o Concello xa confirmou que o resto de operarios xa foron sometidos ás respectivas PCR, arroxando resultado negativo.