A Consellería de Cultura, Educación e Universidade vén de licitar as obras de restauración dunha parte do lenzo da Muralla á altura da rúa Clérigos, que contan cun orzamento de 142.000 euros que se sumarán aos 20.000 euros investidos na redacción do proxecto.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, explicou que a intervención afectará a un treito de 12,16 metros situado entre os cubos XXX e XXXI, e servirá para resolver as patoloxías que presenta a pedra debido fundamentalmente á incidencia da choiva e outros elementos de desgaste propios do paso do tempo. Neste sentido, Arias sinalou que a Xunta realiza unha avaliación permanente do monumento, o que permite atallar incidencias como poden supoñer neste caso a disgregación dos morteiros ou a aparición de fisuras.
A actuación, cofinanciada con fondos Feder, terá un prazo máximo de execución de catro meses. Consistirá no desmontado de petos e muros, impermeabilización e reconstrución da estrutura. Entre os traballos contemplados figura a escavación manual arqueolóxica do adarve ata cota orixinal romana, separar o recrecemento da estrutura orixinal mediante lámina de xeotextil para logo volver a cubrir con laxas de lousa tomadas con morteiro de cal, e o desmontado e retirada da instalación eléctrica e luminarias existentes para facilitar a execución das obras.
Igualmente, vaise realizar unha cata coa finalidade de definir o trazado orixinal do cubo XXX así como o levantamento topográfico e fotogrametría 3D, que mellorarán o coñecemento sobre a Muralla.
O proxecto da continuidade ás obras de restauración do cubo XXXI, que a consellería acometeu hai un ano cun investimento de 142.000 euros, e que igualmente serviron para consolidar a estrutura, definir a traza orixinal do cubo e realizar un estudo exhaustivo sobre este elemento da Muralla.