O PP esixe ao goberno provincial que abone as cantidades correspondentes ás eliminatorias da Copa Deputación 2020

“A controvertida xestión que leva a cabo o goberno provincial presidido polo socialista José Tomé xera problemas que afectan aos administrados. Unha das áreas nas que se producen problemas que teñen unha incidencia negativa no día a día dos cidadáns é a de Deportes, pilotada polo nacionalista Efrén Castro. Isto ocorre cos clubs que participan na Copa Deputación de Fútbol, que aínda non cobraron as cantidades correspondentes á edición do 2020. É certo que, a causa da pandemia, tivo que ser suspendida a Copa, pero ata ese momento xa se xogaran eliminatorias; o PP reclama que se lles abonen as cantidades correspondentes ás eliminatorias nas que participaron, que suman 62.385 euros”.

Así o denunciou hoxe o deputado popular Óscar Poy que lembrou: “A Copa Deputación, que o ano pasado alcanzou a súa XXXVII edición, celébrase en virtude do convenio establecido a tal fin entre a Deputación e a Federación Galega de Fútbol. Debido á pandemia, disputáronse eliminatorias, pero non as semifinais nin a final. Cada eliminatoria representa un ingreso para os clubs que as disputan. Hai uns 70 equipos, tanto masculinos como femininos, afectados polo impago das cantidades correspondentes ás eliminatorias xogadas”.

O mesmo deputado explica que “as cantidades que deben percibir os equipos son moi diferentes, pero, en todo caso, contaban con elas para cubrir unha parte do seu orzamento anual, e son aínda máis necesarias nunha situación economicamente tan difícil como a xerada pola pandemia”.

Poy sinala: “A cantidade que a Deputación tiña asignada para este fin ascendía a 100.000 euros, dos que os clubs reclaman 62.385 polas eliminatorias disputadas. O procedemento habitual para que os clubs poidan ingresar os cartos que lles corresponden pola súa participación na Copa é o seguinte: ao final da temporada, a Federación envía á Deputación os datos de cada equipo e o organismo provincial fai os correspondentes pagos. O PP reclama que se ingresen aos clubs as cantidades que corresponden as eliminatorias que xogaron”.

Resposta do Goberno

O deputado de Deportes Efrén Castro aclarou que os clubs recibirán o diñeiro destinado á  última edición da Copa Deputación de Fútbol, suspendida o pasado mes de marzo pola situación sanitaria provocada pola Covid 19. Efrén Castro explicou que “se está a estudar a fórmula para que as entidades se beneficien do investimento que a área de Deportes destina á Federación Galega de Fútbol para a organización do torneo”. O deputado lembrou que “malia as suspensións e paróns das competicións, a área de Deportes mantivo todas as liñas de axuda e investimentos previstos para clubs e entidades deportivas ao longo do ano e farémolo así tamén coa Copa Deputación de Fútbol. Iso é o que trasladamos tanto á Federación como aos clubs que se dirixiron a área de Deportes”, asegurou.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com