A asociación de gandeiros e gandeiras Agromuralla pide ao alcalde de Láncara, Darío Piñeiro, “unha solución definitiva que garanta que se poida pasar a ITV agrícola no lugar da Reboleira” e acúsao de “non facer nada nun ano para facilitar que os agricultores e gandeiros deste concello poidan pasar a ITV dos seus tractores e maquinaria en anos vindeiros sen vérense obrigados a facer grandes desprazamentos”.
Agromuralla lembra que a empresa Supervisión y Control SAU, concesionaria da ITV en Galicia, suprimiu o ano pasado, alegando problemas de espazo para instalar o novo camión utilizado para a realización das revisións, de maiores dimensións que o anterior, a habitual ubicación na Reboleira, un dos dous puntos habilitados até entón no termo municipal de Láncara para pasar a ITV agrícola.
A supresión deste emprazamento obrigou entón aos usuarios das parroquias de Vilaesteva, Santiago de Cedrón, San Martiño de Río, Augalevada, Armeá de Arriba, Vilouzán, Monseiro ou Touville a teren que desprazarse cos tractores e os distintos apeiros até o outro dos puntos móbiles de ITV, situado en Carracedo, uns desprazamentos que nalgúns casos chegan aos 15 quilómetros, “co agravante de que é necesario facer varias viaxes para levar toda a maquinaria ou se por exemplo algúns dos elementos non pasan a revisión á primeira”, o que supón “grandes prexuizos tanto económicos como de tempo” a todos os veciños desta zona do concello, xa que, como lembra Agromuralla, non só están obrigados a pasar a ITV aqueles gandeiros en activo, senón tamén todas as persoas xubiladas que posúen algún tipo de maquinaria agrícola.