A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, acompañada do concelleiro de Desenvolvemento Local e Emprego, Mauricio Repetto, mantivo un encontro este venres cos participantes da última edición do programa Inicia Coworking. Un total de 15 proxectos emprendedores nacidos en pleno confinamento da pandemia e formados a través do acompañamento dos profesionais do CEI Nodus, conseguiron poñer en marcha as súas propias empresas e xa se atopan facturando.
Estas iniciativas, nas que a media de idade dos emprendedores é de 42 anos, representan o 70% das seleccionadas nesta edición para desenvolver a súa idea de proxecto. Trátase de novas empresas no campo do turismo, a enxeñaría, a hostalaría, a arte, a sustentabilidade e a innovación, entre outros.
Lara Méndez quixo coñecer de primeira man o avance dos proxectos e aproveitou o encontro para felicitar aos emprendedores “pola valentía que teñen demostrado, pois nun momento de gran incerteza, pola situación sanitaria e económica que atravesamos como consecuencia da pandemia, foron quen de sobrepoñerse e, con gran esforzo, iniciar o seu negocio, polo que o mérito é dobre”. “Sodes o exemplo do enorme talento que atesora a cidade”, sostivo.
Das 14 empresas xeradas, 7 están instaladas no CEI Nodus, “outro dato moi positivo, pois demostra o gran interese que xera este viveiro co que contamos no Concello, e que supón un berce para novos negocios que xeren riqueza e postos de traballo no noso municipio”, apuntou a rexedora.
Pola súa banda, os emprendedores explicaron que, pese a que por primeira vez a edición do coworking foi online debido ao confinamento, conseguiron crear unha rede de apoio entre eles e de sinerxias empresarias, que é outra dos obxectivos do Centro de Emprendimiento municipal.