O Día da Nosa Fala

Un ano máis está de volta o día das nosas letras, pero que hai da nosa fala?

Cada día que pasa estamos a comprobar como se perden falantes, como a maioría da xente nova “pasa” do galego, aínda que o saben escribir, ler e falar perfectamente. Moito se ten comentado, e aínda se seguirá a facer, da xeración perdida na nosa mocidade por mor da lacra da crise económica, pero hai que lembrar que tamén, para o galego, hai unha xeración perdida. Tan perdida está que coido vai ser moi difícil recuperala, polo menos na súa grande maioría. O desprestixio do noso idioma, propiciado dende as institucións que deben preservalo pero sobre todo potencialo, estanos a levar a un camiño sen retorno. É aínda que agora, que están a ver a desfeita e que a Unión Europea se lles vota enriba, digan que van facer non sei canto e non sei que, o mal xa está feito.

Os que queremos ao noso idioma e á nosa cultura temos que preguntarnos que é o que podemos facer dende a sociedade civil a prol da nosa fala,  é o que  toca,  e máis nun día tan sinalado como o das Letras Galegas. E coido que do que se trata é de  tirar do carro esquecéndonos de institucións, asociacións e plataformas.

Necesítase crear un movemento a prol do galego que fuxa de tutelas políticas, un movemento cidadán que teña como único norte a recuperación da fala como vehículo de comunicación entre as galegas e os galegos. Que a xente se sinta orgullosa de falar na súa lingua. As persoas que defendemos o galego, temos nunha sociedade como a actual, altamente consumista, unha grande arma no noso haber e non é outra que a de sermos, precisamente, consumidores; porque ao mellor hai que ir pensando en esixir que se respecten os nosos dereitos como galegofalantes. Nesta terra, por calquera norma ou indicación para que o galego non siga esmorecendo, axiña se escoitan voces reclamando, nomeadamente por parte dos detractores do galego, que eles teñen dereito a falar na lingua que lles pete.Pero, é nos, os galegofalantes, non temos dereito a que se nos responda en galego?, e de supor que si, claro que, no caso que non o fagan, un os cartos gástaos onde quere e sitios para gastalos hainos a moreas. Ao mellor ese tempo ten chegado.

Eloi Caldeiro.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com