O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, amosou hoxe o seu desexo de que os fondos europeos de reconstrución Next Generation permitan afianzar os grandes proxectos do Polo Aeroespacial de Galicia para os vindeiros cinco anos, que pasan por potenciar a I+D+i e crear tecido industrial ao redor deste sector.
Nunha xuntanza que mantivo co Comité de expertos da Civil UAVs Initiative —no que participan, entre outros, centros tecnolóxicos e empresas tractoras e de referencia neste eido—, Conde lembrou que o Polo Aeroespacial de Galicia é un dos proxectos tractores que conforman a candidatura galega para optar a estas axudas europeas co obxectivo de seguir avanzando sobre tres piares: o tecnolóxico, o mercado e o marco regulamentado.
Desde o punto de vista tecnolóxico, sinalou que, como novidade, se habilitarán novos instrumentos de financiamento para apoiar proxectos de investigación de universidades, centros de coñecemento e centros tecnolóxicos. Por outra banda, no que respecta á busca de novos mercados, apuntou que a Xunta vai continuar destinando recursos á Compra Pública Innovadora pero buscando, tamén, a cooperación con outras administracións e a iniciativa privada a través dun programa pioneiro de Compra Privada de Innovación.
Xa no relativo ao marco do regulamento (a partir da figura do sandbox regulamentado; o sandbox son unha especie de campos de probas para implementar novos modelos de negocio os cales aínda non están protexidos por unha regulación vixente ni supervisados polas institucións reguladoras). Adiantou que o obxectivo é facer de Rozas un lugar de referencia para testar novas tecnoloxías que permitan avanzar na regulación para o uso civil dos vehículos aéreos no tripulados. Ao respecto, destacou que en pouco tempo, o aeródromo contará cun contorno de simulación grazas á colaboración do Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico e Industrial (CDTI), e mais cun laboratorio 5G —a previsión é poder desenvolver ambas as dúas iniciativas nos dous vindeiros anos—.
Conde destacou que contar con esta tecnoloxía punteira permitirá que o Polo Aeroespacial de Galicia se converta nunha infraestrutura única polo seu tamaño, pola súa especialización, polo seu equipamento e pola súa capacidade de crecemento grazas ao parque industrial e tecnolóxico que xa está á disposición das empresas que se queiran implantar nestes terreos, como xa fixeron Indra e Babcock.