Os populares do Concello de Lugo presentan unha proposición de urxencia para debatir no pleno de mañá xoves co obxecto de que Lugo se sume a un fondo de axudas ao sector da hostalería no que, seguindo o modelo valenciano, a Xunta aportaría o 50%, a Deputación o 30% e os concellos o 20%. Asimesmo os populares reclaman que o Goberno local se comprometa a estudar e, no seu caso, aplicar as demandas que o sector ten feito e que algunha delas non foron atendidas como son a redución ou exención das taxas municipais, á recollida do lixo e a auga así como a aplicación dos tipos mínimos legais no imposto sobre bens inmobles (IBI); bonificacións do imposto sobre contrucións, instalacións e obras (ICIO) en relación as licencias de obra que se soliciten co fin de adaptar os locais as medidas de seguridade impostas pola situación sanitaria e bonificación do imposto sobre vehículos necesarios para actividade (IVTM) no caso do comercio e hostalería.
O Grupo Popular tamén solicita ao Goberno de Lara Méndez que faga as xestións necesarias coa Deputación Provincial de Lugo e calquera outro organismo implicado, para impulsar a recuperación do Anfiteatro do Campus Universitario de Lugo, de xeito que estea operativo para a primaveira/verán do 2021. Carballo explicou que “os lucenses temos, nesta infraestructura, un espazo magnífico para poder disfrutar da cultura ao aire e de forma segura”. Este anfiteatro, enclavado nun magnífico entorno verde e con vistas cara ao río, dispón dun escenario de 800 m2 e de 2.500 prazas nas gradas, espazo de sobra para asistir a calquera representación cultural, aínda que haxa que axustalo para manter as distancias interpersoais.
Outra iniciativa que defenderán os populares vai encamiñada a mellorar servizos para os maiores do municipio. Por este motivo solicitarán a adhesión de Lugo á “Red Mundial de Ciudades y Comunidades Amigables con las Personas Mayores”e a implementación constante de melloras e infraestruturas municipais para este colectivo. A iniciativa para a que o PP pide o apoio do resto dos grupos da corporación “promove a participación das persoas maiores, tendo en conta as súas necesidades, opinións e propostas no proceso de análise e mellora do concello en diversos ámbitos, co fin último de promover un envellecemento saúdable”. e activo. Dende o GMPP tamén reclaman o cumprimento dunha proposta xa aprobada en Xuño de 2016 e que contou cos votos favorables, no seu día, de todos os grupos que compoñían esta corporación. Entre os puntos máis destacados desta iniciativa está o de aplicar a gratuidade do sistema de Transporte público urbano de viaxeiros a menores de 18 anos, xubilados, pensionistas e persoas con escasos recursos.