A Policía Local de Lugo acudiu o pasado xoves, 21 de xaneiro, en torno ás 17.40 horas ata a rúa lucense Jacinto Calvo, comisionados a requirimento dun indicativo da Policía Autonómica, por unha presunta infracción á normativa de animais de compañía de Galicia.
Os axentes comproban que no interior dun vehículo, co portelo lixeiramente aberto, hai dous cans da raza pastor alemán, que non deixan de ladrar, saloucar e golpear os portelos. Instantes máis tarde fai acto de presenza o titular do vehículo, o cal se nega a identificar os animais, polo que se levantan actas de denuncia por infracción á Lei de Protección e Benestar dos Animais de Compañía de Galicia, xa que no momento da intervención policial os cans non deixan de ladrar, non tendo un lugar adaptado á súa especie, con espazo, dimensións e requisitos hixiénico-sanitarios adecuados e non dispoñían de espazo suficiente para poder levantarse, virar ou tombarse.
O propietario dos animais foi denunciado por unha infracción leve e outra grave á devandita norma, o que supón multas de 100 a 5.000 euros. Tamén esta persoa foi denunciada por unha infracción á Lei de Protección da Seguridade Cidadá por negarse a identificarse aos axentes da autoridade, sendo finalmente identificado ao informarlle que de persistir na súa negativa sería conducido a dependencias policiais para a súa completa identificación, propoñéndoo para sanción de 601 a 30.000 euros, sendo tamén denunciado por outra infracción a esta norma por falta de respecto e consideración aos axentes, o que conleva sanción de ata 600 euros. Así mesmo o vehículo foi denunciado por estacionamento sobre a beirarrúa, o que supón unha multa de 200 euros.