Jaime Castiñeira anuncia melloras en servizos sociais, dependencia e maiores

O candidato do Partido Popular á alcaldía de Lugo, Jaime Castiñeira, anunciou hoxe nun acto con maiores de Lugo que se é elixido alcalde incrementará os recursos económicos municipais para apoiar ás persoas en situación de dependencia en servizos como a axuda no fogar, o centro de día ou o xantar na casa e tamén axilizará as valoracións e solicitudes de prestación de atención á dependencia.

Tal e como explicou Castiñeira, “temos que atender ás necesidades particulares e ás especificidades dun colectivo tan numeroso da cidade como é o dos maiores”, que representan hoxe máis de 20.000 persoas en Lugo.

O candidato popular afirmou que, paralelamente ao aumento do financiamento destes servizos axilizará a axenda para valoración e solicitude de prestacións de atención á dependencia, xa que “dende o Concello de Lugo temos moita marxe de mellora nesta materia”, posto que  as listas de espera nos servizos sociais non deixaron de medrar “por moito que López Orozco se empeñe en dicir o contrario”. Deste xeito, tal como subliñou Castiñeira, “a espera media neste último mandato de López Orozco foi de dous meses nos servizos sociais”, unha situación que avogou por “corrixir”.

Jaime Castiñeira asegurou tamén que creará un Plan Municipal de Maiores para “darlle a atención especial” que require o colectivo da terceira idade, “favorecendo un envellecemento autónomo e saudable”, ao tempo que se evita “o illamento e se promove a independencia das persoas maiores” con medidas concretas como a creación dos comedores senior.

Castiñeira subliñou que “Tratase de dar resposta aos maiores da cidade e de fomentar que teñan unha calidade de vida á altura do que merecen, e insistiu en “mellorar os seus servizos, mellorar a atención que lles presta o Concello de Lugo para, en definitiva, mellorar o día a día dos nosos maiores”.

Así mesmo, o candidato dos populares á alcaldía de Lugo comprometeuse a ter  un maior control sobre as empresas ás que o Concello ten contratada a xestión dos servizos sociais, para que non se repitan feitos tampouco construtivos como o da arma nun centro de día ou denuncias por supostos malos tratos aos usuarios.

Ademais, o popular anunciou a creación dun programa de coidado á persoa coidadora, encamiñado a tarefas de información, orientación, formación e apoio aos familiares que atenden a persoas que se atopan en situación de dependencia. “Os coidadores necesitan tamén o noso apoio porque moitas veces enfróntanse a situacións que son descoñecidas para eles ou que son realmente extenuantes”, apuntou.

Por último, Jaime Castiñeira comprometeuse a que “cada euro dos servizos sociais chegue ao seu destino sen perderse polo camiño” e tamén a “cumprir o que aparece nos orzamentos”. “De nada vale que López Orozco infle sistematicamente partidas dos servizos sociais para figurar nos rankings se logo non as executa e non chegan ás persoas, como acontece no Concello de Lugo”, concluíu.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com