Alcaldes do Partido Popular como o de Cervo e tamén vicepresidente da FEGAMP, Alfonso Villares; Sober, Luis Fernández Quitián; Folgoso do Courel, Lola Castro; Triacastela, Olga Iglesias; e Chantada, Manuel Lorenzo; alzan a súa voz e piden que sexa a propia Xunta de Galicia a que xestione as axudas do segundo Plan de rescate do sector hostaleiro. Os populares defenden así que o Goberno galego é a mellor administración que se pode encargar dos trámites, pois é a que dispón do maior número de medios e tamén de máis fondos económicos.
Este iniciativa para paliar os efectos da crise da covid-19 incorpora 75 millóns do Executivo galego e outros 5,5 millóns as Deputacións, á espera de concretarse a participación dos Concellos, pero existe unha cerrazón clara por parte dalgunha institución provincial como a lucense no que se refire ao importe e á xestión.
Os rexedores municipais coinciden en destacar que “estamos no tempo de desconto”. “Son moitos os empresarios os afectados e queren, canto antes, axilidade e respostas uxentes. Sen lugar a dúbidas, manifestan, a Xunta de Galicia é a que ten a maior capacidade para elo”.
Así o demostrou, aseguran, na tramitación do primeiro Plan. Máis de 1.400 hostaleiros da provincia xa percibiron preto de 4,3 millóns de euros, no marco dalgunha das tres axudas contempladas no primeiro plan que puxo en marcha o Executivo de Feijóo. Dos 4.297.450 euros dedicados a responder ás solicitudes de toda a provincia, na capital investíronse 1.717.900 euros.
Outros hostaleiros de concellos lucenses moi castigados pola pandemia, peches e restricións tamén obtiveron importantes prestacións. É o caso de Monforte de Lemos, con unha partida de máis de 366.000 euros repartida entre 209 axudas; Viveiro, cunha cantidade de 320.000 euros para responder ás 170 solicitudes; Sarria, con 78 axudas ás que se destinaron preto de 200.000 euros; e Vilalba, concello no que 154 beneficiarios percibiron algo máis de 267.000 euros para facer fronte ás pérdidas pola crise sanitaria.