Minte, que algo queda. Ou peor, fai un uso premeditado da mentira vernizada cunha imprimación de desconfianza: o xogo da manipulación. Abrazar o engano e tratar de transfigurar a realidade, cando a única arma que xa se pode brandir é o truco, o artificio, a trampa.
Non somos os mellores nin os peores, pero eu si me considero, ante todo, honesto. Non sei se é habitual ou non, pero creo que a honestidade debería ser trazo imprescindible e de obrigado cumprimento para un servidor público.
Ultimamente a oposición do Partido Popular de Foz volve á carga, “Santiago y cierra España”! Desta volta tócalle a vez ás distintas obras e arranxos que se están a facer no Concello. Resulta curioso falar do deterioro das letras de Foz cando xa estaba encargado o seu arranxo –que se está a executar nestes momentos- ou criticar con falacias unha campaña de bacheos –moi necesaria, imprescindible- tratando de confundir aos veciños cando os traballos están sen rematar. A substitución das deterioradas mesas dos xardíns da Rapadoira tampouco gustan –segue o PP na liña de non permitir merendas no prado de Ramos, con covid ou sen el- e, no colmo do esperpento, por que non, botar a culpa ao goberno municipal do roubo de lousas no paseo Llas –Peizás. Quizais descoñezan a realidade das xestións coa Policía Local e Garda Civil e o incremento de vixilancia: na manipulación, de todas formas, a realidade non é importante.
Axuda ao deshonesto unha característica humana: temos memoria a curto prazo. De todas formas, facendo un pequeno esforzo, sempre se poderá comparar o arranxo de rúas do anterior goberno, no que quedaban tódalas tapas enterradas e tubaxes de fibrocemento sen substituír e os traballos que se fan agora, ben rematados e con toda a sinalización disposta. Están obras maiores, como as rúas principais cun firme de formigón executado de moito menor espesor que o recollido no proxecto e que está escachando na Avenida da Mariña: deseñado para 30 anos, cunha durabilidade de só tres. Ou cousas que para min son importantes, como a poda de árbores e o coidado dos xardíns públicos.
É xusto neste momento cando máis choca a impactante petición da oposición de Foz: incrementen o gasto en infraestruturas , supriman taxas e dean axudas por 500 mil euros, independentemente da legalidade do asunto –iso non é importante, estamos a falar de manipulación-. Fagan máis con menos, sexa honesto o que dicimos ou non. En resumidas contas: fagan tortilla, pero sen ovos. Esperemos que a quica ou a galiña de San Caetano teña a ben mandar a Foz unha ducia –ou aínda que sexa media-.
Francísco Cajoto Caserío.
Alcalde de Foz.