O Concello de Sarria ven de informar dos últimos datos dos que dispón no tocante ás últimas probas de PCR na residencia de maiores desta vila. Os mesmos arroxan as seguintes cifras: 88 persoas deron positivo nas devanditas probas, das cales 82 son usuarios e seis traballadores do centro, “a maioría deles asintomáticos ou con síntomas leves, e todos eles á espera de poder ser vacinados coa segunda dose”.
Durante estes días, “lamentablemente faleceron dous residentes que aínda que deron positivo nas probas PCR tiñan patoloxías graves previas”.Informou o Concello.
A pesar de que o Concelleiro responsable e Presidente do Padroado está a pasar a enfermidade, “afortunadamente de forma leve, a residencia segue sendo dirixida por el mesmo e os traballadores, e cóntase coa colaboración e axuda, que non intervención, da Xunta en xeral e do Sergas, a Consellería de Política Social e Sanidade en particular, tal e como esixe o protocolo”.
Tamén destacan dende o Goberno Municipal que, “houbo necesidade de acudir a persoal externo, como é obvio, nunha situación de emerxencia na que os anciáns son a máxima prioridade”. “As familias están informadas en todo momento. O Concello de Sarria garante que a situación estivo e está baixo control “e asegura que non escatimará os medios, nin de persoal nin materiais, que sexan precisos para atallar o andazo.
Para rematar, o Concello de Sarria, pídelle a veciñanza, “estar ben informados” e unha mensaxe de esperanza e confianza nos nosos profesionais.