2135 casos activos na provincia. Esa é a última cifra de infeccións actuais rexistrada ata as 18.00 horas do día de onte polo SERGAS, e que, malia ser unha cifra alta, non deixa de situar á provincia nun novo día de estabilización no número de casos.
O avance do virus parece frear logo dunha semana de máximas restriccións. Asemade, os novos positivos detectados volven presentar un importante descenso, na xornada de onte 64 persoas resultaron positivas nas probas diagnósticas, o que supón 28 menos que na xornada anterior.
Con todo, xa o advertían a pasada semana os expertos e é que o peor aínda está por vir no tocante á presión asistencial. O Hula preparaba o pasado venres as súas instalacións para un posible aumento de ingresos que efectivamente está tendo lugar estes días. Hoxe os hospitais da provincia amencían con 70 ingresos en planta e 22 nas UCIS. Por centros, o HULA continúa a ser o que máis rexistra con 43 pacientes covid, o Hospital da Mariña conta con 10 e o de Monforte aumenta a súa ocupación en tres pacientes e chega hoxe ata as 16 persoas ingresadas polo virus. Nas UCIS, 20 persoas se recuperan no Hospital Lucus Augusti,dúas máis que no día de onte, mentres que outras dúas fano no da Costa.
Asemade, a este freo que está amosando o avance do virus, hai que sumarlle tamén as 73 altas médicas rexistradas onte. En total, 8101 persoas superaron o virus dende o comezo da pandemia. Doutra banda, polo momento, hai que lamentar 184 falecidos polo virus na provincia.
Cos datos enriba da mesa, a Xefa da UCI do Hula vén de facer un chamamento a reducir o contacto social así como a responsabilidade e a autodisciplina. Ana Ferreiro, asegura ademáis que nesta terceira vaga un dos perfiles de paciente que máis chega a UCI é o de xente nova e sen patoloxías, algo que chama a atención dos expertos pero que, sen dúbida, axuda a que melloren antes e as Unidades de Críticos se liberen con maior rapidez.
Asemade, esta tarde volverase reunir o comité clínico galego para analizar a situación clínica e hospitalaria de Galicia que deixa 400 falecementos no último mes. Tratase dunha das reunións habituais que fan cada semana. O que está claro é que non se endurecerán as restricións aprobadas hai unha semana porque, en palabras do presidente Alberto Núñez Feijóo, xa están aplicadas todas as medidas delegadas ás autonomías polo Goberno do Estado.