O Concello de Lugo destinará os fondos do Plan Único 2021 integramente a melloras no rural. Así o avanzou a rexedora, Lara Méndez, quen informou que o executivo municipal levará á Xunta de Goberno Local de mañá esta programación, dotada de 532.279 euros, coa que se acometerá o acondicionamento de estradas en 10 parroquias do municipio.
“Estas actuacións beneficiarán directamente aos preto de 1.600 veciños que viven nas parroquias de Camoira, Tirimol, Pedreda, Santo André de Castro, San Mamede dos Anxos, Calde, San Pedro de Mera, Vilachá de Mera, Prógalo e Poutomillos, e que utilizan as vías municipais a diario para efectuar os seus desprazamentos”, segundo subliñou o concelleiro de Medio Rural, Miguel Fernández.
Pola sua banda, Lara Méndez lembrou que “no que levamos de mandato, investimos máis de 2 millóns de euros en infraestruturas e servizos do rural, co obxectivo de mellorar a calidade de vida dos seus veciños e veciñas, incrementando a seguridade viaria dunha trintena de estradas, ampliando as redes de abastecemento en varios núcleos, así como os puntos de luz, entre outras actuacións”.
Da achega total do Plan Único de Cooperación cos Concellos, a Deputación aportará 500.000 euros e os restantes 32.279,80 achegaraos o Concello.
Por outra banda, na sesión desta semana o equipo de goberno autorizará a concesión de cinco licenzas para acometer diferentes actuacións urbanísticas no termo municipal entre as que destacan a agrupación e reforma de dúas naves no polígono do Ceao (183.212 €), a legalización das obras efectuadas nunha vivenda tradicional de Galegos (48.582 €) e nun centro de formación na rúa Río Lor (60.112 €), así como o acondicionamento da planta baixa dun edificio, sito na Praciña da Universidade, para albergue turístico (97.093 €).