O Concello comezará a tramitar xa o cobro das preto de mil sancións impostas pola Policía Local, dende o pasado mes de xuño, por cometer infraccións á Lei de Saúde de Galicia na que figuran recollidas (a través do Decreto Lei 21/2020, de 09 de xuño) as medidas de prevención e contención fronte á crise sanitaria que ocasionou o COVID -19, tras recuperar a Xunta, tralo Estado de Alarma, a titularidade na materia.
A pesar de tratarse dunha competencia autonómica, tal e como ratifican os informes emitidos pola Avogacía do Estado, as administracións locais pasarán a exercer esta función, seguindo o criterio do Consello Consultivo de Galicia, co fin de resolver canto antes os expedientes en curso.
No caso do Concello de Lugo e ante a insuficiencia de medios técnicos e de recursos humanos propios para asumir este cometido, procedeuse a encargarllo á empresa que, dende xuño de 2019, colabora na xestión administrativa e recadación de multas.
A Xunta de Goberno Local autorizaba hoxe a modificación do contrato en vigor, en tanto non se require para a realización desta prestación unha habilitación diferente da que xa dispón.
Asumir esta tarefa suporá un custo para a Administración local de 58.080 euros a razón de 40 € (sen IVE) por cada boletín/acta tramitado.
Dende o pasado 15 de xuño a Policía Local detectou un total de 958 incumprimentos das restricións impostas polos executivo galego para conter a propagación da pandemia.
Das actas levantadas, as máis numerosas foron as 432 por non facer uso da máscara; 149 por realización de botellón; 145 por non respectar o toque de queda nocturno; 105 por entrar e saír no municipio sen xustificación; 42 por exceder a limitación de persoas en grupos ao detectar non conviventes; 37 por fumar en zona pública sen manter a distancia de seguridade interpersoal, 33 por quebrantamento do horario comercial; 12 por superar o aforo en establecementos e 3 por consumir na barra no interior dun local de hostalaría.
Á marxe destas sancións, o Concello de Lugo tramitará tamén todas as interpostas, dentro desta casuística e no ámbito territorial do municipio, polo resto de Forzas e Corpos de Seguridade do Estado (Garda Civil, Policía Nacional e Policía Autonómica).
Feb 11, 2021 - 11:39 PM
Ta ben, haber as que cobra. Independentemente, creo que non é ninguna noticia importante, hay otras moitas moi importantes para publicar e facedes mutis por el foro