A Unidade de Barrio da Policía Local de Lugo continúa a realizar controis especiais de vixilancia de vehículos de repartición de mercadorías e camións. Se onte informaban dende o Corpo Municipal da denuncia a dous condutores de furgonetas que deran positivo en THC, un dos compostos do cannabis; hoxe volven informar de outros dous condutores, esta vez localizados no Polígono do Ceao, que deron tamén positivo neste mesmo estupefaciente. Os catro repartidores enfróntase a unha sanción de 1000 euros e á retirada de 6 puntos no carné de conducir.
Así mesmo a Policía Local detectou outros 5 vehículos de repartición de mercadorías cuxos titulares non realizaran á Inspección Técnica Periódica no prazo debido, polo que se enfrontan a unha sanción de 200 euros. E tamén foi denunciado un condutor dunha furgoneta de repartición por conducir utilizando auriculares, polo que se lle abriu expediente sancionador con multa de 200 euros e a retirada de 3 puntos.
Sen carné, sen ITV e sen seguro
Doutra banda, sobre as 4 da tarde do pasado día 5 de xaneiro, unha patrulla da Policía Local cruzouse na avenida da Coruña cun vehículo con dous ocupantes que non levaba colocado o distintivo da ITV no parabrisas. Co fin de identificar ao condutor e comprobar se tiña ou non pasada a Inspección Técnica de Vehículos, seguen ao vehículo ata unha gasolineira e comproban como, mentres que ata ese momento o vehículo era levado por un home, tras unha breve parada na gasolineira lévao á muller.
Ao solicitar a documentación de ambos condutores, comproban como o home carece do permiso de conducir.
Así, e tras comprobar ademáis que o vehículo ten a ITV caducada dende marzo de 2018 e carece de seguro, os axentes instrúen dilixencias por varios delitos contra a seguridade viaria. Por conducir sen permiso, o home enfróntase a unha pena de prisión de 3 a 6 meses; pola carencia do seguro obrigatorio abren un expediente sancionador de 1500 euros e por ter a ITV caducada de outros 200. Ademáis, os axentes deixan o vehículo inmobilizado.