A Concellería de Muller, Igualdade e Xuventude, que dirixe Ana Abelleira, pon en marcha o certame Lugo pola igualdade, que, ao redor do cancelo #Lugopolaigualdade, recompilará vídeos na rede social Tik Tok para concienciar e loitar pola igualdade de xénero e en oposición ao machismo. Este certame forma parte dos actos organizados pola Casa da Muller, e que se presentarán os vindeiros días, para conmemorar o 8 de marzo, Día Internacional da Muller.
Tal e como explicou Ana Abelleira, para participar nesta iniciativa non é necesario dispoñer de equipos profesionais, basta cun teléfono móbil e unha boa historia que contar. Formar parte de dito certame é tan sinxelo como subir un vídeo á platagorma TikTok, co cancelo do concurso e cubrir o seguinte formulación de inscrición: https://cutt.ly/bkTLeQB, onde tamén se poden consultar as bases.
A temática xira ao redor da igualdade de xénero, ben sexa igualdade no deporte, en oportundiades laborais, en tarefas domésticas, denuncia de relacións tóxicas, empoderamento ou detección de micromachismo, entr eoutros. A duración máximo dos vídeos será de 60 segundos e pódense empregar todas as posibilidades creativas que proporciona a propia rede social TikTok.
O certame conta don dous premios, un primeiro premio dotado con 200 euros e un segundo premio dotado con 100 euros. A data límite para a inscrición é o 10 de marzo de 2021 e as persoas gañadoras daranse a coñecer o 16 de marzo. Como requisito, é necesario que a persoa participante viva, estude, traballe ou nacera en Lugo.