A concelleira do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Macamen López, destaca un dos grandes problemas que hai en Lugo a nivel de accesibilidade: os avisadores acústicos do semáforos da cidade deixaron de funcionar.
Macamen López explica que é moi importante recuperar estes dispositivos para facilitar o día a día ás persoas discapacitadas que precisan destes elementos para facer máis doado o seu día a día. Neste eido recorda que o goberno local está a pagar con reparos de legalidade á empresa encargada do mantemento do sistema, pese a que practicamente todos os avisadores acústicos dos semáforos da cidade non funcionan.
Segundo este contrato, cada tres meses deberían de supervisar e axustar o volume dos avisadores acústicos, pero a realidade é que en moitos casos non se está realizando control algún e de feito case todos están estragados ou desactivados.
Ante esta situación, dende o Grupo Municipal Popular presentaranse preguntas en comisión para coñecer o número de dispositivos acústicos que hai nos semáforos de Lugo, cantos están estragados, cantos desactivados, os motivos de apagalos ou dende cando están apagados, entre outras cuestións.
Incluso, o goberno local debería e podería ser máis ambicioso e optar por outros sistemas máis innovadores que hai no mercado e que permiten, por exemplo, aos discapacitados visuais activar os avisadores acústicos dos semáforos cando se achegan a eles para evitar que funcionen continuamente sen necesidade.