A portavoz municipal de Cs, Olga Louzao, anunciou esta mañá que o seu grupo municipal propoñerá ao pleno dotar os orzamentos de 2022 cunha partida destinada a crear un bono cultural dun máximo de 100 euros anuais para a mocidade e os maiores lucenses. O obxectivo é promover a colaboración entre os establecementos, entidades e organizacións culturais para dinamizar o sector en Lugo. “O sector cultural viuse afectado de xeito grave neste último ano debido á pandemia e atópase nun delicado momento económico e sobra dicir que a crise da covid están provocando consecuencias nefastas na vida cultural da nosa cidade”, sinalou a concelleira.
“Os museos, os cines e as bibliotecas sufriron peches, e tamén se aprazaron ou mesmo cancelaron todo tipo de actuacións relacionadas con este ámbito: obras de teatro, festivais, concertos, exposicións itinerantes e outro tipo de espectáculos, tanto en espazos públicos como privados. A cultura pasou a gozarse doutro xeito: dentro dos nosos fogares. Segundo un estudio publicado polo Observatorio da Cultura Galega, o emprego neste ámbito reduciuse nun 5,5%. Tres de cada 100 empregados en Galicia dedícanse ao sector cultural, que representa o 2% do PIB galego. O 98,5% son Pimes, e máis da metade non teñen asalariados, porque son actividades de autoemprego”, apuntou.
Ciudadanos propón que desde esta administración se promova a actividade cultural, sobre todo, entre as xeracións máis novas e os maiores en situación de xubilación da nosa cidade, como unha forma máis de ocio a través da creación dun bono que lles permita acceder de xeito máis económico a todo tipo de contidos relacionados coa cultura. Para isto a Louzao propón varias fórmulas que deixa en mans do Goberno para elixir a que considere máis oportuna. “Na actualidade, o Concello de Lugo hai censados 13.199 mozos e mozas entre 16 e 30 anos, e 22.404 persoas maiores de 65 anos, polo que destinar 100 euros anuais a esta finalidade sería unha cantidade perfectamente asumible para poñer en marcha esta proposta, sempre e cando soliciten previamente estar interesados na obtención deste bono ou desconto”, apuntou Louzao.