Arranca o III Campus de Emprendemento Sostible co que a Deputación de Lugo pretende crear emprego e combatir o despoboamento do rural. A través desta iniciativa o organismo provincial impulsa a creación de empresas responsables co medio ambiente, aproveitando ao máximo os recursos e a riqueza natural da provincia de Lugo. O Campus consiste en 6 accións formativas gratuítas, encamiñadas a coñecer a viabilidade dos modelos de negocio dos lucenses.
Estas accións distribúense en dous grupos; por unha banda, o campus de motivación e e xeración de ideas, na que os participantes reciben asesoramento técnico e administrativo, e por outro; o campus de maduración empresarial, dirixido a persoas que xa teñen o seu modelo de negocio máis avanzado.
Coas anteriores edicións, xa se crearon máis de 10 empresas na provincia, todas elas relacionadas coa agricultura ecolóxica, gandería ecolóxica, consultora de obra civil, horticultura ecolóxica, educación ambiental, explotación ecolóxica, turismo rural ou produción artesanal, entre outras.