Efectivos da Unidade Territorial de Policía de Barrio da Policía Local de Lugo, co apoio da Unidade de Atestados deste Corpo, estableceron durante esta fin de semana diversos dispositivos de seguridade viaria e control do cumprimento da normativa da Xunta, sobre medidas de prevención como consecuencia da crise sanitaria ocasionada polo COVID-19.
No relativo ás infraccións á Lei de Saúde de Galicia, a Policía Local propuxo para sanción a 15 persoas por diversos incumprimentos: Levantaron 6 actas de denuncia por entrar no municipio de Lugo sen causa xustificada, polo que os autores enfróntanse a multas de 500 euros; outras 6 actas de denuncia foron levantadas por non facer uso da máscara de proteccións, polo que terán que enfrontarse a sancións de 100 euros.
Por último, outras 3 persoas foron denunciadas pola Policía Local por non transitar pola vía pública sen causa xustificada durante o horario de toque de queda (entre as 22.00 e as 6.00 horas). Proponse sanción de 500 euros. Neste caso a intervención policial orixinouse para auxiliar a un mozo que se caeu na escalinata do parque Rosalía de Castro, sobre as 00.40 horas, estando en compañía doutros dous mozos. O accidentado sangraba pola boca e o nariz, queixándose dunha dor nas costas, polo que se lle practicaron os primeiros auxilios, requirindo a presenza dunha ambulancia do 061 na que foi trasladado ao HULA. Tanto o mozo lesionado como os outros dous que o acompañaban foron denunciados por infracción á Lei de Saúde de Galicia, con multas de 500 euros. Os mozos manifestaron aos axentes que quedaran no parque para “pasar o rato”. O ferido é menor de idade e os seus dous acompañantes, un menor e outro maior de idade. Avisouse aos pais deste feito.
Infraccións á normativa de Seguridade viaria:
Doutra banda, nos diferentes controis, a Policía Local levantou asemade 12 actas de denuncia por diferentes infraccións á Lei de Seguridade Viaria. Tres condutores enfrontnase a multas de 1000 euros e a retirada de 6 puntos do carné por circular co vehículo tendo presenza de drogas no organismo, despois de ser sometidos ás correspondentes probas co equipo “drogotest” e lanzar un resultado POSITIVO en THC, abríndose candanseu expediente sancionador.
Outras cinco persoas foron denunciadas por non presentar os vehículos á Inspección Técnica no prazo debido, polo que se enfrontan a unha sanción de 200 euros. Tamén a 200 euros se enfrontan o titular dun vehículo con ITV desfavorable que circulaba pola vía, un que arrastraba un remolque carecendo de sistema de iluminación, outro condutor que circulaba sen realizar o curso de reeducación viaria despois dunha condena penal en materia de tráfico, e, por último, un conductor que circulaba co carné caducado.
Así mesmo os axentes deronlle o “alto” a un vehículo sobre o que pesaba mandamento de captura e depósito por embargo, sendo trasladado polo servizo de guindastre ao Depósito Municipal onde queda precintado ao dispor do órgano competente.