Xunta, Goberno e empregados instan a Alcoa a axilizar a venda da factoría de San Cibrao

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, participou esta mañá, por vía telemática, na mesa multilateral de Alcoa á que tamén asistiron representantes da empresa, dos traballadores e do Goberno español. Nela, pediu a Alcoa e á Sepi que pechen canto antes a venda da planta da Mariña de Lugo para, deste xeito, dar paso a un investidor que garanta tanto a continuidade da actividade coa produción de aluminio primario, como dos empregos.

Conde, que ofreceu a colaboración da Xunta para axilizar o proceso, ratificou que o obxectivo segue sendo o mesmo: salvagardar os 524 postos de traballo que están en perigo a través dun proxecto empresarial viable e con futuro para A Mariña de Lugo e para Galicia. Ademais lembrou que é a única planta que actualmente produce aluminio primario en España, polo que ten un gran valor estratéxico.

Nese mesmo senso falou a subdelegada de Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, que tamén estivo presente na reunión. Isabel Rodríugez manifestou que “aínda que estamos ao principio do camiño, penso que as perspectivas son boas, xa que se aprecia que hai vontade negociadora. Neste momento toca ser moi prudentes, pero quero expresar a miña confianza en que as negociacións poden chegar a bo porto”. A subdelegada agradeceu aos traballadores de Alcoa “a súa aposta polo diálogo e a súa prudencia, nun momento que é de vital importancia para chegar a unha saída de futuro”.

“Lembrar que no Goberno teñen un aliado. O noso empeño sempre foi garantir o futuro do emprego e da actividade na  comarca da Mariña”, declarou Rodríguez. Neste sentido, a subdelegada destacou “a implicación do Secretario Xeral de Industria e da Pequena e Mediana Empresa, Raül Blanco, que, desde o primeiro momento, estivo sempre ao pé do cañón, traballando sempre con moito tino e con moita intelixencia, sen buscar nunca protagonismo, na procura de solucións para San Cibrao”.

Pola súa banda, a CIG emprazou ao Goberno español e a Alcoa a non seguir perdendo o tempo e a axilizar os prazos para o proceso de venta da fábrica. Á central sindical preocúpalle que transcorrido máis de un mes, non se teña realizado outra xestión que o envío por parte da empresa dunha folla cunha proposta de termos para a operación, que a SEPI aínda ten que contestar.

 A central entende que os termos nos que negocie a venda teñen que estar claros e responder a unha garantía de futuro para a planta de aluminio, mais pide máis axilidade a todas as partes para avanzar nunha solución definitiva que permita a continuidade industrial e o mantemento de todos os postos de traballo, tanto na principal como nas empresas auxiliares, rematando así coa incerteza permanente na que viven os traballadores.

Neste senso, a CIG insta os gobernos español e galego a levar a iniciativa en todo momento, comprometendo a Alcoa en cada fase para garantir deste xeito que haxa acordo na operación de venda. Sería intolerábel que as negociacións fracasaran polos condicionantes impostos pola multinacional, tal e como aconteceu o pasado mes de setembro, e que Alcoa puidera aproveitar o transcurso destes meses para afianzar e xustificar o seu plan inicial de parada das cubas, despedimentos e peche da fábrica de aluminio.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com