A Policía Local de Lugo vén de anunciar o levantamento de 16 actas de denuncia imposta a outras tantas persoas en diferentes dispositivos policiais realizados tanto os días 17 e 18 de febreiro como na madrugada do 23.
Así, durante os días 17 e 18 de febreiro a Policía de Barrio sorprendeu a sete persoas exercendo a práctica ilegal de aparcacoches, os coñecidos como gorrillas, no entorno do HULA; sendo denunciados por candansúa infracción á Ordenanza de Circulación e á normativa de Seguridade Viaria dado que”poñían en risco a súa integridade física ao permanecer na calzada”. Cada un deles enfróntase a unha sanción de 200 euros.
Asemade, efectivos do Grupo Operativo Nocturno da Policía Local propuxo na madrugada do martes a 7 persoas para sanción por infrinxir a Lei de Saúde de Galicia ao detectar, por un lado, a cinco persoas que entraban no municipio de Lugo sen Xustificación e outras dúas que transitaban pola vía pública entre as 22.00 e as 06.00 horas sen causa xustificada. Cada unha destas sete persoas enfróntase a unha multa de 500 euros.
Doutra banda, en torno ás 02.00 horas desa mesma madrugada, axentes da Policía Local observan a presenza de dous mozos camiñando pola Praza da Constitución. Ao identificar aos rapaces comprobaron que se trataba de dous menores de idade que fuxiran do Centro de Menores de Rábade, onde estaban ingresados. Os rapaces foron conducidos ás dependencias da Policía Autonómica onde se fixeron cargo deles. Ambos mozos foron propostos para sanción de 500 euros por infrinxir, ademáis, a Lei de Saúde de Galicia incumprindo o toque de queda.