José López Orozco candidato socialista á Alcadía de Lugo, acompañado de José Ramón Gómez Besteiro, secretario xeral do PSdeG- PSOE, doutros membros da candidatura como a Vicepresidenta da Deputación, Lara Méndez, e o secretario provincial do partido, Juan Carlos González Santín, así como do senador Ricardo Varela, visitaron esta mañá varias empresas do Polígono do Ceao, comezando por Cafés Candelas, para presentar as propostas de empresa e emprego.
“O que ten que facer o Concello é reforzar o que está facendo: en primeiro lugar, facilitar que as empresas conten con subvencións municipais para mellorar as súas infraestruturas e para xerar postos de traballo e, en segundo lugar, apostar polos parques empresarias como o das Gándaras onde rebaixamos o 50% o custo das licenzas de construción”. López Orozco engadiu que a procura de fondos europeos para dotar de recursos ás empresas lucenses de maneira que poidan crear emprego é “a nosa obsesión, a nosa preocupación e sabemos que vai ter solución”
José Ramón Gómez Besteiro destacou que “os únicos que falamos de emprego durante os últimos catro anos fomos o Concello e a Deputación de Lugo”, recalcando que quedou demostrado que desde estas institucións se pode crear traballo non só público senón tamén a través de “pactos e plans de emprego, subvencións ou iniciativas destinadas ás empresas que permitiron que moita xente moza traballe na cidade e a provincia”. Neste sentido, apelou á responsabilidade das dúas institucións que foron quen de “falar do que máis lle preocupa ós cidadáns: o emprego”.
O programa electoral do PSdeG-PSOE de Lugo inclúe medidas pensadas para dinamizar a actividade empresarial como a captación de investimento para crear viveiros de empresas en naves en réxime de aluguer con opción de compra no polígono do Ceao.
Para as PEMES e autónomos crearán novas liñas de asesoramento empresarial personalizado que facilitarán a sucesión familiar empresarial, a posta en marcha de novos negocios e a recuperación do pequeno comercio ó que golpeou especialmente a crise económica. Ademais dende o Concello, vaise reforzar a competitividade do tecido empresarial ampliando o seu mercado potencial a través das TIC.
A candidatura socialista ten como eixo desta área o desenvolvemento dun novo Plan de Emprego Activo no Concello co que se contratarán traballadores lucenses para a realización de obras en distintos ámbitos e un plan específico de emprego rural en colaboración coa Universidade e o CEI. Este último, potenciará a presenza dos produtos agrogandeiros en Internet e creará a marca “Produtos da Comarca Lucense”, posicionándoa na rede e en feiras agrícolas, turísticas e de consumo. A isto únese a posta en marcha dun Plan de Expansión e proxección dos produtos da comarca de Lugo no ámbito autonómico, nacional e internacional.
Co fin de crear emprego no Concello de Lugo, López Orozco comprométese a fomentar a cultura da innovación e o establecemento de redes de contacto e intercambio de ideas entre emprendedores, a potenciar a creación de empresas lideradas por mulleres e a impulsar as cooperativas e novas empresas, que se beneficiarán por rebaixas nas taxas de apertura de negocios, cambios de titularidade e comunicación previa.
Ademais, blindará os dereitos dos traballadores coas cláusulas sociais que seguirán presentes nos contratos asinados vía concesión municipal.