A Xunta rehabilitou nos últimos anos 24 edificios da Tinería e adxudicou 57 vivendas

A Xunta de Galicia, a través do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS), rehabilitou nos últimos 12 anos 24 edificios do barrio da Tinería, o que permitiu adxudicar 57 vivendas a novos veciños e veciñas da zona. Así o explicou hai uns minutos o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, para responder ás denuncias feitas polo Bloque Nacionalista Galego ante a parálise na rehabilitación deste barrio lucense. O delegado sinalou “esta é a parálise da que fala o BNG”, e invitou ao tenente de alcaldesa a dar un paseo polo barrio, falar cos seus veciños e coñecer de primeira man a continua recuperación que está a experimentar esta zona do casco histórico.

De feito, Javier Arias lembrou que este proceso de rehabilitación da Tinería foi sempre un dos compromisos da Xunta de Galicia, que desde 2001 leva investidos máis de 26 millóns de euros na compra, rehabilitación e adxudicación de vivendas. Lembra tamén aos concelleiros do BNG que a posta en valor dos edificios do barrio non comezou co goberno bipartito. A aposta da Xunta iniciouse no ano 2001, e desde entón levouse a cabo un traballo constante que permitiu poñer en valor 40 edificios do emblemático barrio, que posteriormente converteu en 96 vivendas e 23 locais comerciais. É certo, explica o delegado territorial, que durante o goberno bipartito entregáronse varias vivendas, pero tamén o é que eran actuacións que se fixeron co PP no goberno galego, que foi quen comprou as casas, redactou os proxectos e levou a cabo as obras de rehabilitación dos inmobles.

Para o delegado territorial, a Xunta está a “xogar un papel clave na transformación deste barrio” dotándoo de vivendas e polo tanto de veciñas e veciños que dean vida á zona. Lembra, ademais, que para contribuír á transformación do barrio “quizais o Concello debería esixir aos propietarios dos inmobles en ruínas que os manteñan en bo estado, tal e como fan noutros cascos históricos, ademáis de facer algo pola rehabilitación social desta zona e cumprir coa súa parte para entre todas as administracións acadar esa dinamización social da que falan”.

Este proceso de cambio “é constante como demostran non só as actuacións de adxudicacións de vivendas que estamos a realizar de xeito ininterrompido, senón os proxectos para os vindeiros anos, como a rehabilitación e posta en valor da Casa da Torre e do Pazo de Doña Urraca”. A este respecto destaca que xa está asinado o protocolo de colaboración entre a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e o Concello de Lugo, para modificar o Pepri existente no que se recollen unha serie de edificacións e a creación dunha praza contigua á Muralla fronte ao Pazo de Doña Urraca.

“A previsión do IGVS é que serán necesarios máis de 4 millóns de euros para levar a cabo as obras de urbanización do contorno, as de rehabilitación do pazo, e as de recuperación dos inmobles para vivendas de promoción pública, ao carón da futura gran praza”, un dato que, de novo, reafirma o compromiso da Xunta coa Tinería, coa súa recuperación patrimonial e tamén unha forte aposta pola transformación dun barrio máis aberto e dinámico.

No que atinxe á futura rehabilitación da Casa da Torre, Javier Arias lembra ao vicealcalde que “se falase cos seus socios de goberno sabería que a Xunta e a concellería de Urbanismo seguen adiante co procedemento que permitirá a adxudicación das obras e posterior rehabilitación da Casa da Torre. De feito estamos ante o último trámite previo a adxudicación da obra, que é a aprobación do estudio de detalle do proxecto”. Ademais destas actuacións, Arias sinalou que o IGVS leva a cabo outros programas como o Rexurbe, que no caso da Tinería suporá a adquisición de inmobles para a súa posterior rehabilitación con destino a vivenda de promoción pública. Así, está contemplada a compra de tres edificios e a posterior rehabilitación cunha inversión de 484.117 euros.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com