Tan só 3 casos novos nas últimas 24 horas. Esa é a cifra que se desprende do informe do SERGAS con datos recompilados ata as 6 da tarde de onte e que deixa moi boas cifras na provincia.
Lugo contaba ás 6 da tarde de onte con 456 infeccións activas, volvendo así a niveis previos ao Nadal. Con estas cifras, debidas tamén ás 53 altas médicas recibidas no día de onte; a presión asistencial volve experimentar un lixeiro descenso.
En total, nos hospitais da provincia 22 pacientes covid continúan ingresados nas unidades convencionais de hospitalización, 7 persoas menos que onte, mentres que 14 pacientes, os mesmos que na xornada anterior, permanecen na UCI do HULA.
Asemade, nas últimas horas o SERGAS notificou un falecemento. A vítima 206 do virus na provincia era un home de 86 anos que finaba no HULA o pasado domingo.
Malia que os datos non son malos, cómpre mantelos para non volver sufrir outra vaga da covid. E como medida preventiva, Sanidade realizou onte a primeira parte dun cribado no Campus lucense da Universidade de Santiago a máis de 1000 estudantes, o 61% dos estudantes citados. Malia que o cribado continúa hoxe con preto de 2000 estudantes máis, o certo é que entre as probas realizadas onte non houbo ningún positivo.
Actualización das tarxetas sanitarias
Por último, un aviso remitido aos medios de comunicación por parte da Consellería de Sanidade. E é que o Servizo Galego de Saúde insta a todas as persoas maiores de 80 anos que aínda non foran citadas para se vacinar e que teñan a certeza de que os seus datos poderían non estar actualizados na tarxeta sanitaria, a chamar ao teléfono habilitado 981 569 540 para actualizar estes datos e poder ser citados para a vacinación. Asemade, Sanidade explica que entre as ferramentas para actualizar os datos da tarxeta, atópase a web sergas.es o vía teléfonica ou presencial no propio centro de saúde.