Ante a avalancha de reclamacións presentadas por lucenses por cobros excesivos nos recibos da auga, dende o Grupo Municipal do Partido Popular se defenderá no vindeiro pleno unha proposta para garantir a seguridade dos cidadáns ante os cobros excesivos que se están a dar nestes recibos paulatinamente.
Neste senso, o voceiro popular Ramón Carballo defende que nesta proposta que se defenderá ante o pleno se quere conseguir un acordo para que se realice unha correcta revisión de todas as reclamacións para que se devolva todo o cobrado indebidamente, recalculando os tramos dos trimestres non lidos.
Nestes últimos días, nos que dende o Grupo Municipal se iniciou unha campaña para axudar aos lucenses nas súas reclamacións por estes cobros indebidos. Unha campaña na se que facilita un modelo para presentar no rexistro municipal a todo aquel lucense que o necesite asesorándoo de como conseguir que recuperen o diñeiro que o Concello lle cobrou e que dende o luns, día na que deu comezo, xa se atendeu a más de medio cento de lucenses en só tres días.
Ante tantas reclamacións, víronse diferentes casos nos que os importes a cobrar era moi elevados, provocando serias dificultades aos cidadáns para poder facer fronte a eses recibos, motivo polo que tamén se proporá ao pleno que se atendan as peticións de lucenses que, ante a incapacidade de facer fronte a recibos tan elevados, se lle fraccionen os pagos.
O popular pon como exemplo o caso dun lucense que, debido a súa complicada situación económica, non puido facer fronte ao pago do último recibido, que triplicaba a cantidade que pagaba habitualmente (pasou de pagar 60 a 185€) ou doutro veciño que pasou de pagar uns 44€ ao trimestre a recibir un recibo por valor de 659€.
Estas situacións non son agradables para ninguén, polo que a iniciativa tamén recollerá que o goberno local garanta a correcta lectura dos contadores para evitar de novo este tipo de situacións polo que se non é posible garantila a través de persoal propio se pense noutras posibilidades como a instalacións dos chamados contadores intelixentes que facilitan unha lectura remota dos contadores. “Vemos como hai cidades nas que se están a adoptar solucións para evitar este tipo de situacións que non gustan a ninguén como os contadores telexestionados que permiten lecturas a distancia en tempo real, polo que, deste xeito, non se estaría a cobrar nada indebido aos cidadáns”, afirmou.
Unha solución que para os populares viría a reforzar a idea que defenden dende o goberno local, de facer de Lugo unha ‘smart city’, xa que se de verdade queren avanzar neste eido teñen que facelo con medidas reais e que favorezan aos cidadáns en lugar de pensar en proxectos faraónicos e quimeras que nunca se materializarán.