A deputada socialista lucense Margarita Pérez Herraiz rexistrou unha batería de iniciativas parlamentarias coas que reclama ao Goberno que arranxe os tramos que se encontran en mal estado nas distintas estradas nacionais que atravesan a provincia de Lugo.
Concretamente, Pérez Herraiz reclama ao Executivo que repare o firme da N-642, especialmente entre Foz e Cervo; a N-634 ao seu paso pola Xesta, en Abadín; a N-VI en diferentes puntos entre Nadela e O Corgo, a N-540 entre Lugo e Ourense, especialmente á saída de Lugo e entre Guntín e Vendas de Narón, a N-547 entre Lugo e Santiago en especial na zona limítrofe coa provincia da Coruña; e a N-640 que une Asturias e Galicia, principalmente entre Rozas e Meira e cara A Pontenova. A deputada socialista denuncia que “as estradas estatais na provincia de Lugo presentan en xeral un estado lamentable en moitos dos seus tramos”.
Neste senso, recorda que a Asociación Española da Estrada sitúa a Galicia entre as cinco Comunidades Autónomas co firme dos viais en peor estado e sinala que “a provincia de Lugo contribúe en boa medida a que Galicia se encontre nos primeiros postos dese ránking” Con estas iniciativas parlamentarias, pídelle ao Goberno que indique “en que data ten previsto o Ministerio de Fomento arranxar os tramos deteriorados das devanditas estradas” e ínstao a facelo “con urxencia”.
Esta demanda da socialista lucense vén a sumarse á que xa realizou en setembro de 2014 no Congreo cando rexistrou unha Proposición non de Lei coa que solicitou ao Ministerio de Fomento “o arranxo inmediato da N-634 e a N-642 e a habilitación nos Presupostos Xerais do Estado de 2015 as partidas presupostarias precisas para adecuar estes viais ao tráfico que soportan.
Sobre estas dúas estradas, incide en que “a pesar da inauguración da totalidade dos tramos de A-8 ao seu paso por Lugo, as estradas nacionais N-634 e N-642 seguen sendo uns viais imprescindibles para comunicar os diferentes concellos da Mariña e esta co sur da provincia de Lugo”.
Afirma ademais que “os continuos cortes de tráfico de A-8 entre Abadín e Mondoñedo a causa en multitude de ocasións pola néboa provocan que se derive o tráfico á N-634, o que somete a este vial a soportar un volume de tráfico e desgaste máis altos dos previstos”