Inauguración en Sarria dos actos na honra de Xela Arias

Co gallo de térselle dedicado o Día das Letras Galegas á escritora e tradutora Xela Arias, o pasado xoves tivo lugar na Casa da Cultura de Sarria a inauguración do ano de Xela Arias. O concello ao longo deste ano, vai desenvolver unha serie de actividades arredor da escritora nada na vila no . O primeiro acto desta xeira comezou antonte catro de marzo, día no que a escritora cumpriría 59 anos.

O alcalde sarriao Claudio Garrido foi o primeiro en tomar a palabra para dar a benvida aos participantes ao acto entre os que se atopaban: Valentín García, Secretario Xeral de Política Lingüística, o Presidente da Real Academia Galega, Victor Fernández Freixanes, o Delegado Territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias. A Concelleira de Cultura, Reyes Abella, presentou as actividades a desenvolver. Da familia Arias-Castaño acudiron a nai de Xela, Amparo Castaño; o fillo da homenaxeada, Darío Gil Arias, os irmáns de Xela, Marcos e Lois, e outros familiares.

Exposición “Aquela nena de Sarria”

Valentín García, en representación da entidade patrocinadora desta exposición itinerante, que organiza o Colectivo Egeria do que estaban presentes Antonio Giz e Xulio Xiz, responsables da mostra, congratulouse de que o Día das Letras deste ano se dedique a unha rapaza rompedora, que abriu camiños na escrita e na impulsión do papel da muller, e reafirmou a decisión da Xunta de implicarse decididamente nas actividades que se van desenvolver. E o Presidente da Real Academia Galega fixo fincapé na figura de Xela, coa que traballou, o seu papel na edición e na escrita e na vixencia das súas mensaxes. No nome da familia, interveu Darío Gil Arias, fillo de Xela, nunha emocionada intervención na que agradeceu a homenaxe das Letras Galegas á súa nai, e puxo de relevo a actualidade do seu pensamento e da súa poesía.

A exposición consta de 12 paneis nos que se abordan especialmente os anos sarriaos e lucenses de Xela Arias, con incidencia especial no tempo da Granxa-Escola de Barreiros (fundada polo financeiro Antonio Fernández), da que o pai de Xela -Valentín Arias López, destacado intelectual- era director, residindo tamén a familia na vivenda existente na escola. Xulio Xiz foi resumindo aos asistentes os contidos da exposición, desde a orixe da familia Arias-Castaño, a súa vinculación con Barreiros e Fingoi, a loita de Xela por defender o seu nome galego, o seu vencello co idioma galego desde sempre, e as súas primeiras letras públicas a raíz do premio conseguido no certame de O Facho. Destacou que sete poetas actuais sarriáns dedican a Xela os seus poemas, o mesmo que o fan alumnos e alumnas dos institutos Xograr Afonso e Gregorio Fernández de Sarria, e os membros do colectivo Nova Poesía Guitírica que aportaron once das súas “Vilariñas para Xela”. E por fin “Elas: Compañeiras de viaxe” (Maria Xosé Queizán, Yolanda Castaño, Marica Campo, Susana Trigo, Marga Do Val, Carmen Blanco, Ana Romaní, Cristal Méndez Queizán e Olga Novo) coas que Xela compartiu poemas e loitas. A exposición complétase con lembranzas de Xela -de súa nai, seu fillo, amigas, Manuel María e Arlindo López Arias- rematando coa mención ás palabras de Xela no pregón da Feira do Libro de 1989: “Quen nunca leu un libro ten defecto de fábrica”. Poesía e Música Esta primeira homenaxe rematou no salón de actos da Casa da Cultura, onde leron cadanseu poema de Xela: o seu sobriño Iago Arias e as poetas sarriás Sonia Arias e Elena López González, que logo interpretaría o músico e escritor de Sarria, Eloi Caldeiro, tamén participante na exposición.

Concerto

Como colofón a esta primeira xornada da homenaxe a Xela, no auditorio da Casa da Cultura, Eloi Caldeiro do grupo de música galega Brath, acompañado á guitarra por Miguel Barrero e ao piano por Adrián Arias, interpretaron en modo umpleged, tres temas, dos dez poemas de Xela aos que Caldeiro puxo música. Poemas dos libros: “Denuncia do equilibrio” e “Tigres coma Cabalos” e que conformaran un libro disco, no que colaboran o Concello de Sarria, a Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Real Academia Galega.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com